Deporte

Deporte

O Concello de Carballo realiza un investimento de máis de 700.000 euros na mellora das instalacións deportivas

Comezou a instalación das novas torres de iluminación no campo de fútbol das Eiroas, que se adaptan aos estándares das competicións de primeiro nivel

Luns 20 de febreiro do 2023

O Concello de Carballo realizará un investimento de máis de 700.000 euros en tres proxectos que van contribuír á mellora das instalacións deportivas. Hoxe arrincou o primeiro, que consiste na instalación de novas torres de iluminación no campo de fútbol das Eiroas co obxectivo de mellorar a eficiencia do alumeado e adaptalo aos estándares das competicións de primeiro nivel. Ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Ata agora, As Eiroas dispoñía de catro torres de iluminación de 20 metros de altura con sete proxectores frontais para dar servizo ao campo de fútbol e catro posteriores para o campo de adestramento lindeiro. Hoxe comezou o seu desmantelamento para instalar as novas estruturas: catro torres de 24 metros de altura que contarán con 40 proxectores (están deseñadas para soportar ata 50 proxectores e para resistir rachas de vento de ata 120 km/hora) e que darán servizo tamén ao campo de adestramento. A actuación inclúe, así mesmo, a canalización soterrada, a substitución dos condutores existentes e do cadro eléctrico que controla os proxectores, entre outros traballos. O orzamento acada os 242.551,24 euros.

Coas novas torres, a iluminación artificial do campo de fútbol será uniforme e evitará posibles problemas de deslumbramento de xogadores/as, equipo arbitral e espectadores/as. Ademais, en función do regulamento do Consello Superior de Deportes, As Eiroas contará co iluminación de clase I, a máis alta, que se corresponde coas competicións do máis alto nivel nacionais e internacionais.

Campo de fútbol do Carral

Dentro das obras destinadas a mellorar os equipamentos deportivos municipais figura tamén a construción de graderío e espazos anexos no campo de fútbol do Carral, en Sofán, cun orzamento de 297.568,21 euros. Precisamente hoxe ás 24 horas remata o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

A actuación pretende dar resposta ás necesidades dos usuarios. Con esa finalidade, a grada actual será substituída por outra de maior capacidade e con espazos anexos debaixo: sala de reunións e para o labor administrativo do club, lavandería e ximnasio.

Equipamento deportivo

Ao mesmo tempo, xa están en fase de avaliación as ofertas presentadas para o contrato de obra e subministro de equipamento deportivo para piscinas, pavillóns e campos de fútbol, ao que destinamos outros 163.189,21 euros.

As actuacións previstas son as seguintes:
Piscina Carballo Calero

  • Plataforma de saída para competicións de natación
  • Subministro de elevador mecánico portátil
Total: 40.000 euros

Pavillóns e campos de fútbol
  • Banquillos: 24 asentos
  • 2 cadeiras para xuíces árbitros de voleibol
  • 2 xogos de porterías de fútbol sala/balonmán
  • 2 xogos de porterías abatibles de fútbol 7
  • 1 xogo de canastras de baloncesto
Total: 31.200 euros  

Accesibilidade complexo Carballo Calero
  • Portas de acceso
  • Varandas para as gradas do pavillón
Total: 24.000 euros  

Vídeo marcadores para os pavillóns Vila de Noia e Carballo Calero (53.000 euros)
Almacén para As Eiroas (14.989,21 euros).

Compartir: