SÁBADO 10 DE SETEMBRO
O Campionato Galego de Autocross regresa ao circuíto municipal de Carballo con 35 pilotos en competición
Venres 9 de setembro do 2022
O sábado 10 de setembro viviremos unha nova xornada de emocións fortes no Circuíto municipal do motor de Carballo, no que recala a terceira proba puntuable para Campionato Galego de Autocross coa participación de 35 pilotos en catro categorías.
As clasificacións chegan moi axustadas tras as dúas primeiras probas, pero non se deben cometer erros, xa que para a clasificación final do campionato só se contará cun descarte. En carcross chega como líder Javier Ramilo, pero con Rubén Barreiro pisándolle os talóns, a só 3 puntos. Terceiro é Borja González, precedendo ao gañador da última proba, Antón Muíños, que tras o abandono na primeira cita non pode cometer máis erros se quere seguir con opcións de título. No que respecta a carcross júnior, a clasificación chega moi apertada, con 6 pilotos en menos de 14 puntos e con vitorias para o líder Iago Rodríguez e o segundo clasificado, Daniel Gayoso.
En canto aos turismos, a Clase I (-1600cc) chega a Carballo con dominio de Rubén Uzal, que se adxudicou as dúas primeiras carreiras da tempada e manda na xeral por diante de Eloy Castro, que sumaba dúas terceiras posicións. Na Clase II (+1600cc), Alberto Varela fixo o propio anotándose os dous triunfos no inicio do campionato e avantaxa en 15 puntos a David Blanco, con Tinín Iglesias en terceira posición a pesar de só ter un resultado. Os Protos 4x4 da Clase IV non estarán finalmente no circuíto carballés.
No día de hoxe fíxose pública a listaxe de inscritos, que podes descargar máis abaixo. O espectáculo do autocross arrincará o sábado ás 12.00 horas cos primeiros adestramentos libres. As clasificacións comezarán a partir das 13:30, onde se decidirá quen leva a pole para as semifinais, que se disputarán ás 15:00, e de seguido terán lugar as ansiadas finais.