Deporte

Deporte

Avanzan as obras de renovación do pavillón deportivo do CEIP Gándara-Sofán para que estea listo para o novo curso

O alcalde e o concelleiro de Deporte realizaron unha visita á instalación, na que estamos a investir 200.000 euros

Domingo 14 de agosto do 2022

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, acompañados polo arquitecto Roberto Souto, autor do proxecto e director da obra, visitaron o pavillón do CEIP Gándara-Sofán, que está a experimentar unha reforma en profundidade. O groso do investimento, que acada os 208.579,69 euros, vai destinado á renovación da cuberta, pero tamén se realizarán outras importantes melloras na instalación deportiva. As obras, que executa a empresa Vázquez y Reino, avanzan a moi bo ritmo, e está previsto poder estrear o pavillón a principios de curso.

A finalidade principal do proxecto é mellorar a experiencia e as necesidades dos usuarios do pavillón, que son, maioritariamente, os alumnos e alumnas do colexio. Deste xeito, a vella chapa metálica do tellado, que provocaba moitos problemas nos días de choiva, xa foi substituída por unha cuberta mediante panel sándwich con illamento incorporado. Tamén se incorporaron novos elementos de recollida e evacuación das augas pluviais, e modificouse a propia rede de pluviais do pavillón.

As obras, que se levan a cabo aproveitando as vacacións de verán, incluíron tamén a substitución do panel metálico da fachada oeste, que presentaba os mesmos problemas que a vella cuberta. Nestes momentos acométese a última parte do proxecto, que consiste na renovación do pavimento, o marcado dos campos de xogo, o pintado interior, a instalación de gradas prefabricadas para acomodar ao público dos eventos deportivos, a instalación dun rocódromo para a práctica da escalada e de diverso equipamento deportivo: canastras retráctiles, porterías, etc.

O pavillón polideportivo quedará conectado co edificio principal do complexo educativo a través dunha pasarela cuberta. E ademais xa está listo o novo acceso para non interferir na actividade docente.

Compartir: