Manuel Laguna e Enrique Díez, dous expertos de luxo para o II Clinic de Balonmán Concello de Carballo
Abertas as inscricións para o programa que se desenvolverá os días 19 e 20 coa colaboración de Balonmán Xiria
Venres 12 de agosto do 2022
Marcos Trigo, Xosé Regueira, Juan Ramón García e Evencio Ferrero presentaron o cartel
Carballo acollerá os días 19 e 20 deste mes o II Clinic de Balonmán organizado polo Concello, a través da área de Promoción Económica e Turismo, e no que contamos coa colaboración de Balonmán Xiria. Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero; os concelleiros Xosé Regueira e Marcos Trigo, e Juan Ramón García del Río en representación do club, presentaron o cartel de luxo que converterá o noso concello no punto de encontro de adestradores/as e monitores/as de balonmán de toda Galicia.
O obxectivo da iniciativa é ampliar os coñecementos e a formación do persoal técnico dos clubs para seguir apostando polo deporte base de calidade grazas a un proceso continuo de revisión e mellora dos modelos de aprendizaxe dos nenos e nenas. Para conseguilo, o II Clinic de Balonmán Concello de Carballo contará con dous grandes mestres: Manuel Laguna e Enríque Díez.
Manolo Laguna é unha persoa esencial na historia recente do balonmán español. Foi director do programa de detección de talentos, seleccionador xuvenil e júnior, e director técnico da Federación Española de Balonmán, ademais de seleccionador xuvenil e júnior e coordinador de base na Federación Portuguesa. Exerceu ademais como profesor nas escolas portuguesa e española de adestradores, foi galardoado coas medallas de ouro e brillantes da federación española, e foi elixido en dúas temporadas como mellor adestrador da Liga Asobal.
Enrique Díez regresa a Carballo despois de participar no clinic do ano 2015. Licenciado en Educación Física polo INEF da Universidade Politécnica de Madrid, adestrador nacional de balonmán e Máster en Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte pola UNED, a súa traxectoria está moi ligada ao balonmán do País Vasco. Este ano renovou como máximo responsable técnico da escola de balonmán Muskiz. A súa paixón é o deporte de base, e é todo un experto no médoto Pinaud, a “biblia” do balonmán de base.
O peso deste II Clinic de Balonmán Concello de Carballo recaerá sobre eles. O sábado sumaranse á actividade outros dous referentes do balonmán galego, Eduardo Patiño e Juan J. Fernández, para participar na mesa redonda de peche do programa, que podes consultar máis abaixo.
O prazo de inscrición está aberto ata o martes 16 pinchando aquí.