Deporte

Deporte

O campo de fútbol das Eiroas comeza a tempada con cuberta e varanda novas na tribuna central

O alcalde e o concelleiro de Deporte realizaron unha visita ás obras

Martes 26 de xullo do 2022

O campo de fútbol das Eiroas empeza a tempada con novidades, xa que vimos de acometer a renovación da cuberta e a instalación dunha varanda na tribuna. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, visitaron a instalación acompañados por técnicos municipais e das empresas redactora do proxecto e construtora.

A cuberta da tribuna presentaba numerosas deficiencias e problemas que dificultaban o seu uso, fundamentalmente polas filtracións de auga, que mesmo estaban afectando á estrutura portante de madeira laminada. A actuación realizada consistiu na substitución da cuberta e do canalón, entre outras melloras, así coma no tratamento dos elementos da estrutura deteriorados.

O proxecto, que foi executado pola empresa carballesa Covisam Norte, tamén incluíu o cerramento da parte superior da bancada con chapa, xa que a que había tamén estaba deteriorada polo uso e producía filtracións de auga.

A actuación completouse coa substitución da varanda, que non cumpría a normativa en materia de seguridade. A actual está conformada por perfís de aceiro inoxidable e vidro de seguridade, coa mesma terminación estética que a instalada na nova bancada e mellorando en seguridade e cumprimento da normativa.

O investimento realizado polo Concello de Carballo achegouse aos 50.000 euros.

Compartir: