O Campionato de España volve a traer o autocross ao Circuíto Municipal de Carballo cunha participación récord
Mércores 6 de xullo do 2022
Marcos Trigo, Ernesto Rumbo, Evencio Ferrero, Juan Fernández e Maikel Vilariño
O Circuíto Municipal de Carballo acolle esta fin de semana a cuarta proba do Campionato de España de Autocross (e a número 14 do calendario local), que pecha a primeira parte da tempada cun récord de participación difícil de igualar. Por segunda vez na historia da competición, en todas as probas superouse a barreira dos cen participantes, e na de Carballo acádase a cifra máis alta con 115.
Ernesto Rumbo, presidente do comité organizador; Juan Fernández, do Club Rally Coruña; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero, participaron hoxe na Praza do Concello na presentación do 14º Autocross Carballo, á que tamén se sumou o piloto local Maikel Vilariño cun flamante vehículo de carcross, categoría raíña da competición. De feito, en Carballo triplícase o número de monoplazas das carreiras anteriores. O espectáculo está asegurado.
Maikel Vilariño, que competirá en car cross, será un dos representantes locais
Despois das tres carreiras celebradas nos circuítos de Alcañiz, Esplús e Cerro Negro, os líderes provisionais son Víctor Álvarez (división 1), Cristian Escribano (división 2), Carlos Hernando (división 3), Joan Salichs Roura (car cross), Pol Durán (car cross júnior) e Gabriel Durán (car cross promoción). Carballo estará representado no noso Circuíto Municipal por Dani Castro, Alberto Varela, Alberto Lorenzo, Javier Ramilo e Maikel Vilariño. E tamén estará representada a escudería local Máis Motor. A participación bergantiñá eleva a representación local, e destaca a presenza da pontecesá Sandra García na divión 1, xa que é a única muller entre os 115 pilotos.
O 14º Autocross Carballo comezará o venres pola tarde con adestramentos libres e verificacións, que continuarán o sábado 9 pola mañá no propio circuíto. O sábado disputaranse as primeiras mangas clasificatorias, e o domingo serán as terceiras e as finais, que poderán verse en directo a través da canle de YouTube da Federación Española de Automobilismo (atoparedes a ligazón máis abaixo).