O Torneo internacional de fútbol sub-12 Concello de Carballo volve polo San Xoán con 8 equipos participantes
Club Deportivo Lugo, Pabellón Ourense C.F., Académie Caïman FC e unha Selección da Costa competirán por primeira vez
Sábado 11 de xuño do 2022
Chano Calvo, Evencio Ferrero, Marcos Trigo e David Iglesias
Nos últimos 17 anos non houbo San Xoán sen Torneo Internacional Alevín Concello de Carballo, e agora que podemos volver a celebrar as nosas festas patronais tamén tiña que volver a competición organizada polas Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz. Será, tras dous anos de parón, a 16ª edición dun torneo que está plenamente consolidado a nivel nacional, e estes serán, ademais do anfitrión, os equipos participantes: Deportivo da Coruña, Celta, Sporting de Gijón, Deportivo Lugo, Pabellón Ourense, Selección da Costa Alevín e Académie Caïman de Senegal. Para os catro últimos será a súa primeira vez.
A presentación do cartel do torneo reuniu na Casa do Concello de Carballo ao presidente do Bergantiños, Chano Calvo; o coordinador das Escolas Luis Calvo, David Iglesias; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Podes escoitar parte das súas intervencións no vídeo.
O Torneo Internacional de fútbol sub 12 Concello de Carballo celebrarase na fin de semana do 18 e 19 de xuño no campo municipal das Eiroas. O sistema de competición será, como de costume, dun único grupo no que todos xogan contra todos, de maneira que xogadores e adestradores poderán utilizar diferentes tácticas de xogo en función do rival. Os catro primeiros clasificados disputarán as semifinais, finais e a final de consolación.