A Concellaría de Deporte amplía os horarios do baño libre na piscina Vila de Noia
Ao longo da semana que vén tamén reabrirán ao público as instalacións da zona spa
Xoves 21 de abril do 2022
A Concellaría de Deporte amplía os horarios do baño libre na piscina municipal Vila de Noia, que a partir de agora estará aberta tanto para as persoas abonadas coma para o público en xeral de luns a venres dende as 08:00 ata as 22:30 horas de maneira ininterrompida. Os sábados mantense o horario partido de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos tampouco hai variacións, de xeito que a instalación estará dispoñible de 10:00 a 13:00 horas.
As actuais condicións sanitarias non só permiten ampliar os horarios, senón que ao longo da semana que vén tamén se reabrirán ao público as instalacións da zona spa.
Por outra banda, tras a publicación do Real Decreto 286/2022, do 19 de abril, polo que se modifica a obrigatoriedade do uso de máscaras durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dende a área de Deportes lembramos que nos centros deportivos non é preceptiva a utilización de máscara, aínda que se recomenda o seu uso a todas as persoas cunha maior vulnerabilidade ante a infección por COVID-19 en calquera situación na que se teña contacto prolongado con outras persoas a unha distancia menor de 1,5 metros e tamén nos espazos pechados de uso público nos que as persoas permanezan un tempo prolongado.