Alumnado de catro colexios carballeses participa por segundo ano no programa "Aprende a través do surfing"
Xoves 7 de abril do 2022
Actividades no CEIP A Cristina
O alumnado dos colexios Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, A Cristina e Gándara-Sofán está a desfrutar esta primavera, por segundo ano consecutivo, das actividades que conforman o proxecto deportivo-educativo Aprende a través do surfing, organizado pola Federación Española de Surfing e Surf and Clean coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Carballo.
Nos meses de marzo e abril as actividades están a desenvolverse nos centros educativos, e para maio e xuño resérvanse as saídas á praia. "O obxectivo das formacións -explican dende Surf and Clean- é que a rapazada mellore a relación consigo mesma, coas demais persoas e coa nosa contorna. A través da ollada do surfing como actividade indíxena e ancestral vivirán os seus valores: integración, igualdade, respecto, superación, conexión co momento presente, socorrismo...etc para aprender transversalidades tan importantes como cultura de mar, a considerar as ondas como un patrimonio natural e cultural, seguridade e prevención, e máis".
Entre as actividades previstas, que se encargará de impartir e coordinar a escola local de surfing Boaola, figuran caracterizacións da praia para coñecer o seu estado, propostas de mellora da súa relación coa contorna, concursos de debuxo de animais mariños para abordar o problema da sobrepesca, etc.