Deporte

Deporte

Deporte, natureza e unha participación masiva garanten o éxito no retorno do Carballo Trail Race

400 corredores/as participarán este domingo na carreira organizada polo Concello de Carballo coa colaboración da Asociación Deportiva Media Ducia

Xoves 3 de febreiro do 2022

Manolo Bardanca, Esteban Rostro, Evencio Ferrero, Socio, Marcos Trigo e Techo Vales

Manolo Bardanca, Esteban Rostro, Evencio Ferrero, Socio, Marcos Trigo e Techo Vales

Despois dun ano de ausencia, o Carballo Trail Race volve con toda a forza que lle dan as 400 persoas que participarán na carreira, organizada polo Concello de Carballo co apoio loxístico da Asociación Deportiva Media Ducia e a colaboración de Gadisa, Míster Nutrición e a A.C. San Campio de Cances. En representación de todas elas, empresas, entidades e institucións, este xoves participaron na presentación da proba Esteban Rostro, director do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper; Techo Vales e José García Gesto “Socio”, de Media Ducia; Manolo Varela Bardanca, técnico de Deportes do Concello e Carballo; Marcos Trigo, concelleiro de Deporte, e Evencio Ferrero, o alcalde.

“Para nós é unha honra, coma sempre, colaborar neste tipo de eventos”, asegurou Esteban Rostro. O feito de que o Concello de Carballo conte co apoio de empresas e entidades é especialmente importante, porque supón “que todos os axentes que poden axudar a promocionar o deporte están implicados”, manifestou Manolo Varela Bardanca.

O técnico de Deporte tamén aludiu aos condicionantes “de tipo ambiental e mesmo arqueolóxico” que ten a carreira, cuxa organización resulta especialmente complexa por ese motivo. Eses condicionantes inflúen na organización e no propio percorrido, no que fuximos de zonas especialmente sensibles dende o punto de vista medioambiental. A este respecto, Techo Vales apuntou que, por exemplo, o percorrido non se sinaliza con spray, senón con cintas de tea, e que os carteis son reutilizados ano tras ano.

Percorridos

A presentación tivo lugar o xoves pola tarde na Casa do Concello

A presentación tivo lugar o xoves pola tarde na Casa do Concello

O representante de Media Ducia tamén explicou o desenvolvemento da Carballo Trail Race. Os/as participantes recollerán os seus dorsais no Mercado Municipal e subirán aos autobuses que os trasladarán ata Razo. A carreira empeza a pé de praia, cun treito de un quilómetro por area, e dende alí inicia o ascenso pola Senda dos Pinos do Mar ata o veciño concello de Malpica. Dende alí arrinca a subida cara o Monte Neme, onde está situado o quilómetro 8, e comezaría o descenso cara Cances, “onde remata o trail curto, que ten 12 quilómetros e 500 metros de nivel positivo”, engadiu Techo Vales. “Os máis valentes farán o trail longo, continuando dende alí polas proximidades das ribeiras do río Anllóns ata chegar á vila de Carballo, na que entrarían polo paseo do Anllóns para rematar na Praza do Concello”, explicou.

Dende Media Ducia valórase moi especialmente a rapidez coa que se cubriron as 400 prazas dispoñibles, pero tamén a gran participación no trail longo, que bate todos os récords con 119 inscritos/as. “A xente ten moitas ganas desta proba, que máis que unha proba deportiva é unha experiencia, na que cada un ten unha carreira contra si mesmo, e gañadores son todos os que cruzan a liña de meta”, resumiu Techo Vales.

Marcos Trigo expresou a súa satisfacción polo regreso deste tipo de eventos ao calendario deportivo anual, e neste sentido agarda “que esta proba sexa coma un albaroque, como unha maneira de celebrar que estamos de novo aquí, e que o Carballo Trail Race siga vivo por moitos anos”. En parecidos termos manifestouse o alcalde, que despois de agradecer a colaboración das empresas e entidades “que fan posible o evento”, aludiu á importancia de recuperar “a actividade deportiva, cultural, económica, social... porque ao final somos persoas e temos que socializar”.

Ligazóns

Compartir: