Máis de 300 nenos e nenas participarán este domingo no I Duatlón de Menores Concello de Carballo
Organizadores, patrocinadores e colaboradores presentaron a competición, destinada a deportistas de 8 a 13 anos
Xoves 27 de xaneiro do 2022
Este domingo temos unha importante cita co deporte en idade escolar. Un total de 305 nenas e nenos de 8 a 13 anos de idade participarán no I Duatlón de Menores Concello de Carballo, incluído no calendario do Campionato Galego de Duatlón de Menores. Hoxe presentamos o evento na Casa do Concello coa participación de Gustavo Álvarez, presidente da Agrupación Deportiva Fogar da Xuventude, organizadora da proba xunto coa Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, que estivo representada por Amando Guerrero, e con eles estiveron Roberto García, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta; Pablo Gerpe, xerente da empresa colaboradora Shop4fit; Marcos Trigo, concelleiro de Deporte, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.
A competición desenvolverase no polígono de Bértoa. Os/as participantes sairán en modo contra-reloxo, de acordo co protocolo FISICOVID-DXT certificado pola Secretaría Xeral para o Deporte: a partir das 10.30h, benxamíns (68 participantes: 29 nenas e 41 nenos); ás 11.30h, alevíns (120 participantes: 50 nenas e 70 nenos), e ás 12:30, infantís (117 participantes: 42 nenas e 75 nenos). Os detalles da competición, na ligazón inferior.
O presidente do club organizador agradeceu a colaboración e a implicación de institucións e empresas, así coma de Protección Civil e Policía Local de Carballo e dos máis de vinte voluntarios que traballarán para que a proba se celebre con seguridade. O I Duatlón Concello de Carballo reunirá no polígono a máis de 350 persoas.
O alcalde, pola súa banda, subliñou que “detrás de cada evento hai sempre un traballo intenso”, e nese sentido destacou a importancia da unión “entre administracións, entidades e o sector privado”, como ocorre neste caso.