Deporte

Deporte

Evencio Ferrero recibiu a Ruth Fuentefría tras proclamarse campioa de España e subcampioa do mundo de halterofilia sub-17

O alcalde fíxolle entrega dun carballo de Sargadelos “para que teñas sempre en conta as túas raíces e para que, en vez de landras, deste carballo nazan moitas medallas”

Venres 29 de outubro do 2021

Marcos Trigo, Ruth Fuentefria e Evencio Ferrero

Marcos Trigo, Ruth Fuentefria e Evencio Ferrero

Ruth Fuentefría Sánchez ten 16 anos e un futuro deportivo máis que prometedor. Despois de acadar as tres medallas de bronce da súa categoría no Campionato de Europa de Halterofilia sub-17, disputado en agosto en Polonia, neste mes de outubro proclamouse subcampioa do mundo na cidade de Jeddah, en Arabia Saudí, e a fin de semana pasada converteuse na campioa de España.

Aproveitando un descanso máis que merecido, hoxe achegouse ata Carballo, a súa vila natal e onde ten as súas raíces, aínda que a súa familia reside agora na Coruña e ela estuda nun centro de alto rendemento deportivo en Madrid. Ruth Fuentefría foi recibida na Alcaldía por Evencio Ferrero e Marcos Trigo, concelleiro de Deporte, cos que mantivo unha amena conversa sobre deporte, estudos e raíces.

Ruth, que cumprirá 17 anos o mes que vén e que, polo tanto, o ano que vén competirá xa en categoría júnior, cursa 1º de bacharelato e ten a ilusión de estudar Inef. E tamén de seguir practicando halterofilia, un deporte no que quere seguir colleitando éxitos. Así llo desexou tamén o alcalde, ao entregarlle como lembranza da recepción un carballo de Sargadelos, “para que sempre teñas en conta as túas raíces e para que, en vez de landras, deste carballo nazan moitas medallas”. E quen sabe se, como desexou Evencio Ferrero, chegará a ser a primeira deportista olímpica carballesa.

Compartir: