A Marcha BTT Costa da Morte celebra a súa maioría de idade cunha cifra récord de inscricións
O Club Ciclista Monteneme, organizador, e o Concello de Carballo, patrocinador, presentaron hoxe a proba
Venres 1 de outubro do 2021
O alcalde acompañou aos representantes do club na presentación da marcha
A Marcha BTT Costa da Morte celebra a súa maioría de idade cunha cifra récord de inscricións, xa que se superan as 400 acadadas na última edición, celebrada no ano 2019. Representantes do Club Ciclista Monteneme, organizador do evento, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron a 18ª edición da popular ruta, que se celebrará este domingo 3 de outubro.
O presidente do Club Ciclista Monteneme, Víctor Gende, destacou que entre os/as participantes haberá ciclistas de toda Galicia, e ademais incidiu en que, aínda que se mantén o trazado clásico da ruta, este ano introdúcese unha nova distancia.
Estas son as tres opcións:
- Marcha de 35 quilómetros: Ruta asequible, tanto física como tecnicamente, para ciclistas novos/as e para aqueles/as que queiran desfrutar do domingo descubrindo a subida ao Cotón de Santa Cecilia, en Coristanco, dende onde emprenderán o regreso a Carballo.
- Marcha de 51 quilómetros: Ruta de dificultade media-baixa, na que habrá alternativas aos puntos de maior dureza para que todos/as os/as participantes poidan desfrutar dunha mañá de BTT e coñecer o balcón de Santa Mariña, en Razo.
- Maratón de 74 quilómetros polos concellos de Carballo, Coristanco e Malpica: Destinado a todos/as aqueles/as participantes que ao rematar anteriores edicións pedían novos retos á organización. Esta é a única distancia competitiva, puntuable para a Copa Galicia e o ránking nacional de XCM.
A saída realizarase en todos os casos dende o Fórum Carballo, onde tamén estará situada a meta.
O Concello de Carballo apoia a Marcha BTT Costa da Morte cunha subvención de 1.500 euros con cargo á liña de axudas para apoiar a organización de eventos e actividades deportivas extraordinarias. “Entendemos que o fomento do deporte e volver á actividade deportiva é necesario dende o punto de vista físico e mental”, apuntou o alcalde, que reiterou o compromiso do gobernó municipal co deporte.