SÁBADO 18 DE SETEMBRO
Volve o Campionato Galego de Autocrós ao Circuíto Municipal de Carballo coa participación de 46 pilotos
A proba, organizada pola Escudería Máis Motor, contará coas catro categorías por primeira vez na temporada
Venres 17 de setembro do 2021
O 13º Autocrós de Carballo, puntuable para o campionato galego da especialidade, supoñerá a segunda cita do certame autonómico e contará cos grandes favoritos ao título en pista, o que ofrecerá aos afeccionados unha gran xornada de automobilismo.
Coa lista de rexistrados xa pechada cun total de 46 pilotos, a Escudería Máis Motor sacará adiante unha cita na que estarán presentes todas as categorías, destacando a de carcross cun total de 19 rexistrados como a máis numerosa delas, seguida moi de preto da clase I (vehículos de estrita serie) que contará con 13 equipos; completan a lista os vehículos de máis de 1.600 centímetros cúbicos e a categoría de supercrosscar e 4×4, nas que, 9 e 5 equipos, respectivamente, pelexarán polo triunfo.
Do mesmo xeito que na cita do Campionato de España de Autocrós, o aforo do circuíto municipal de Carballo estará limitado. As persoas que queiran asistir poderán facerse coas súas entradas en liña a través da web da proba ou presencialmente no propio despacho de billetes ata completar aforo, aínda que se recomenda a adquisición en liña para evitar as esperas e aglomeracións nas inmediacións do despacho de billetes, e así colaborar na medida do posible coas medidas sanitarias de distanciamento social.
Na clase I (vehículos de estrita serie), Isaac Calvo chega como líder tras unha gran demostración na final da primeira cita, aínda que os seus rivais tentarán evitar a súa segunda vitoria para manterse con opcións ao título no que resta de tempada nunha categoría na que a destreza ao volante e o coidado da mecánica son fundamentais.
HORARIOS
09:00 h – 11:15 h: Verificacións administrativas e técnicas
12:00 h: Sesións de adestramentos libres
13:15 h: Sesións de cualificación
15:30 h: Semifinais
17:15 h: Finais B
18:20 h: Finais