Recepción ao deportista local Xan Lamas Serrano tras acadar dúas medallas de ouro e unha de prata no Campionato Galego de Apnea Indoor
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, felicitárono polos excelentes resultados acadados
Mércores 12 de maio do 2021
Marcos Trigo, Xan Lamas e Evencio Ferrero
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, ofreceron unha recepción oficial ao deportista Xan Lamas Serrano, que vén de acadar dúas medallas de ouro e unha de prata no Campionato Galego de Apnea Indoor, disputado en Pontevedra. O deportista carballés agradeceu o apoio do Concello de Carballo e a colaboración do persoal das piscinas para realizar os adestramentos, e amosou a súa gratitude tamén no Libro de Honra.
Xan Lamas proclamouse campión nas modalidades de apnea dinámica sen aletas (102 metros) e con monoaleta (150 metros), mentres que foi segundo en estática cun tempo de 5’14’’. Ademais, no Campionato de España Indoor situouse entre os 8 mellores en todas as disciplinas. A súa próxima cita será o Campionato de España en Profundidade, previsto para os días 3, 4 e 5 de setembro en Lanzarote.
Xan Lamas asinou no Libro de Honra do Concello
A progresión do deportista carballés, que leva 9 anos practicando a pesca submarina e só 4 facendo apnea, é espectacular. Xa no 2018 acadou unha medalla de bronce en dinámica sen aletas e foi seleccionado para participar no campionato de España, e no 2019 acadou dúas medallas de prata e outras dúas de bronce no campionato galego, ademais de participar nos campionatos de España indoor e de profundidade, nos que logrou situarse entre os 10 mellores nas dúas disciplinas.
Xan Lamas é un apaixonado do mundo subacuático, pero asegura que dende que descubriu a apnea (que consiste en aguantar a respiración debaixo da auga de xeito voluntario o maior tempo posible) dedícalle a maior parte do seu tempo. “Como en todo deporte, este tamén esixe unha preparación específica para cada disciplina, pero ademais é necesaria unha formación e un adestramento mental e psicolóxico, que é o que máis lle choca á xente”, sinala.