Evencio Ferrero ofreceu unha recepción oficial ao piloto alevín Daniel Díaz Rama, campión de Castela e León de motocross
A familia de Dani agradeceu o apoio e o recoñecemento do Concello de Carballo á constancia e o esforzo do novísimo deportista
Venres 18 de decembro do 2020
Daniel Díaz Rama case aprendeu a andar en moto antes que a pé. Tivo a primeira cando celebrou o seu terceiro aniversario, e agora, con só oito anos, vén de proclamarse campión de Castela e León de motocross na categoría alevín. Hoxe, acompañado polo seu pai, foi recibido polo alcalde, Evencio Ferrero, nun acto no que tamén participou o xerente de Carballo Deporte, Francisco García Bello, que ademais é un gran afeccionado aos deportes de motor.
“Daniel tiña moitas gañas de coñecer ao alcalde”, dixo seu pai. Hoxe puido cumprir ese desexo, ademais de recibir de mans de Evencio Ferrero un dos moitos trofeos que seguramente vai recoller ao longo da súa carreira deportiva. “Pero este é especial _díxolle Evencio Ferrero_ porque é o símbolo de Carballo”. A Daniel encantoulle o carballo de Sargadelos que o Concello de Carballo utiliza como agasallo institucional.
O pai do novísimo deportista agradeceu o apoio do Concello de Carballo “e tamén este recoñecemento a Dani pola súa constancia e o seu esforzo durante estes cinco anos que leva montando na moto. Este recoñecemento _engadiu_ danos un empuxón e, se cadra, un punto máis de motivación para o vindeiro ano, no que seguiremos levando o nome de Carballo por todo o territorio nacional”.
A próxima temporada, Daniel cambiará de categoría e tamén de moto. “Despois dunha gran tempada este ano, tanto no mundial como no campionato de España de motocross dos pilotos galegos Jorge Prado, Rubén Fernández e Yago Martínez, nós estamos encantados de traer para Galicia, e para Carballo, o título de campión de Castela e León alevín”, asegurou o pai de Daniel, que tamén quixo agradecer o apoio dos patrocinadores Turismo Carballo, Carballo Deporte, Cronoracing, Bar Galicia, Motopasion Store, Automecánica Álex Rama, CR Motos “e o noso club Amigos das Motos Clásicas de Bergantiños. Todos eles axudaron neste campionato”, rematou.
O alcalde lembroulle a Dani que, ademais de seguir competindo, hai que estudar e seguir sacando boas notas. Dani, que é alumno do CEIP Pluriliingüe A Cristina, comprometeuse a facelo.