TOMA NOTA DAS MODIFICACIÓNS
A Concellaría de Deporte adapta os servizos ás novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia ante o avance da COVID-19
Sábado 14 de novembro do 2020
A Concellaría de Deporte adapta a carta de servizos deportivos ás novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia no noso concello ante o avance da COVID-19. Deste xeito, mentres se manteña a situación actual, en principio durante as próximas catro semanas, adoptaranse as seguintes medidas:
ACTIVIDADES SUSPENDIDAS
- Escola de Natación 2020/21 para nenos e nenas.
- Aquagym.
- Uso recreativo das piscinas Carballo Calero e Vila de Noia. A este respecto aclaramos que o acceso ás piscinas debe limitarse á actividade deportiva individual, de xeito que se exclúe a asistencia con menores que non executen a mesma de xeito autónomo. Como consecuencia da suspensión da Escola de Natación para nenos e nenas, a piscina Vila de Noia estará aberta para as persoas abonadas de 08:00 a 22:30 horas.
ACTIVIDADES ADAPTADAS PARA CUMPRIR COAS RESTRICIÓNS
- Cursos de natación de adultos: adaptarase a actividade individual titorizada por monitor.
- Ximnasia de mantemento: manterase a actividade individual titorizada por monitor.
OUTRAS MEDIDAS INCLUÍDAS NO DECRETO DA XUNTA
Con respecto á práctica deportiva, o decreto da Xunta de Galicia vixente neste momento establece as seguintes limitacións:
- Actividades e instalacións deportivas non federadas: pode realizarse actividade ao aire libre de maneira individual. Tamén colectiva, pero neste caso só entre persoas conviventes e sen contacto físico.
- As instalacións e centros deportivos non poderán superar o 50% da súa capacidade e só se permiten actividades individuais (sen contar ao monitor).
- Celebración eventos deportivos, adestramentos e competicións deportivas con público: ao 50% da capacidade, cun máximo de 30 persoas, en espazos pechados; e de 75, ao aire libre. O público debe permanecer sentado.
- Piscinas: as recreativas permanecerán pechadas. As de competición, ao 50% da capacidade e só se permite a actividade individual.