Deporte

Deporte

O Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino escolleu o miradoiro de Santa Irena para presentar a súa nova imaxe

O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participaron no acto

Mércores 22 de xullo do 2020

Deportistas e patrocinadores

Deportistas e patrocinadores

O miradoiro de Santa Irena, un dos encraves con mellores vistas do noso concello, foi o escenario da presentación da nova imaxe do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, que estrea patrocinador e unha vistosa e moderna equipación na que non falta nin a máscara protectora homologada. No acto, que se celebrou con todas as medidas de distanciamento e protección fronte á COVID-19, participaron Vanesa Loureiro, presidenta do club; Diego Vázquez, en representación da empresa patrocinadora; Guillermo Sande, técnico da Federación Galega de Ciclismo; Marcos Trigo, concelleiro de Deporte, e Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña.

Vanesa Loureiro, que neste ano “tan atípico”, como ela mesma o definiu, celebra o seu décimo aniversario na presidencia do Club Ciclista Carballo, animou a todas as persoas que “despois do confinamento que acabamos de vivir sentiu a necesidade imperiosa de coller a bicicleta e saír á rúa para facer deporte e desfrutar do seu entorno” a seguir practicando o ciclismo e a facelo dentro da disciplina do club. Esta temporada, con probas suspendidas e outras pendentes da evolución do coronoavirus, o gran obxectivo é potenciar as escolas de ciclismo, cun carácter pedagóxico “que axude aos nenos e nenas a medrar como seres humanos e a desenvolver os seus potenciais como ciclistas”.

No acto participaron medio cento de persoas

No acto participaron medio cento de persoas

A presidenta do Club Ciclista Carballo destacou o papel do Concello de Carballo na promoción do deporte do ciclismo e do uso da bicicleta como medio de transporte e agradeceu o apoio das empresas colaboradoras, en especial de Vázquez y Reino, “exemplo de implicación tanto no deporte carballés coma nas entidades de carácter social”.

Vanesa Loureiro, que exerceu coma mestra de cerimonias, foi a encargada de presentar aos deportistas das distintas categorías, que chegaron ata o miradoiro en bicicleta lucindo os seus novos uniformes.

Proxectos como o do Club Ciclista Carballo e empresas comprometidas como Vázquez y Reino contribúen a facer de Carballo “un lugar moito mellor”, destacou Marcos Trigo

Diego Vázquez, que estivo acompañado polo seu irmán Daniel, expresou o compromiso da empresa coas entidades que traballan nos eidos deportivo e social, e co Club Ciclista Carballo en particular, porque “cremos no proxecto”.

Proxectos como o do Club Ciclista Carballo e empresas comprometidas como Vázquez y Reino contribúen a facer de Carballo “un lugar moito mellor”, como destacou o concelleiro de Deporte Marcos Trigo. Xosé Regueira, que secundou o chamamento de Vanesa Loureiro a todas as persoas que se iniciaron na práctica do ciclismo nos últimos meses para que continúen apostando por este deporte, pechou a quenda de intervencións.

Compartir: