A 10K apraza o seu décimo aniversario para o 2021
A Concellaría de Deporte decide suspender a multitudinaria carreira popular, que estaba prevista para o 21 de xuño
Mércores 13 de maio do 2020
Podio do ano pasado
Este mes de xuño vai ser moi diferente en Carballo. Sen festas de San Xoán, sen Día da Muiñeira, sen Día da Bicicleta, sen Torneo Internacional F-7 Alevín Luis Calvo e tamén sen 10K. O décimo aniversario da multitudinaria carreira popular de Carballo terá que esperar un ano máis, xa que, aínda no mellor dos escenarios posibles, a crise sanitaria provocada polo coronavirus impediría manter o mesmo formato das nove edicións anteriores e, dende logo, faría imposible a participación das máis de mil persoas que cada ano se citan para correr polo noso circuíto urbano. Por todo elo, a Concellaría de Deporte opta pola suspensión para este ano, pero adquire o compromiso de converter a edición do 2021 nunha auténtica festa do atletismo.
A 10K estaba programada para o 21 de xuño, poucas horas despois do inicio do verán (este ano arrincará ás 23.44 horas do sábado 20) e da semana grande de San Xoán. O 21 de xuño será tamén, se a evolución da pandemia é favorable, o último día do Plan de transición cara unha nova normalidade, pero a día de hoxe é moi difícil predicir non só en que situación sanitaria e social estaremos senón tamén que tipo de medidas preventivas será preciso adoptar a partir do 22 de xuño.
Preservar a saúde dos participantes é a máxima prioridade do Concello de Carballo, polo que optamos por evitar posibles riscos e emprazamos á cada vez máis grande familia de deportistas da 10K para dentro dun ano co obxectivo de converter, entre todos e todas, a 10ª edición da carreira popular de Carballo nunha cita memorable.