Deporte

Deporte

COVID-19

O Concello de Carballo habilitará os mecanismos precisos para garantir a subsistencia do amplo tecido deportivo local

Rematou a rolda de contactos coas entidades e clubs para tratar de articular medidas que contribúan a paliar o efecto da crise sanitaria provocada polo coronavirus

Venres 8 de maio do 2020

Imaxe dunha das xuntanzas celebradas

Imaxe dunha das xuntanzas celebradas

A rolda de conversas entre o Concello de Carballo e as entidades e clubs deportivos rematou cun consenso sobre as prioridades que deben establecerse no contexto actual de crise sanitaria e cun compromiso claro por parte do goberno municipal que se concreta en 5 medidas:

  1. Manter ou incrementar, sempre que a situación orzamentaria o permita, das subvencións de actividade xeral destinadas ao deporte, tanto para este ano como para o que vén.
  2. Dotar ás entidades de liquidez para garantir a súa subsistencia, e con esa finalidade está previsto convocar á maior brevidade as subvencións para este ano e, de cara ao 2021, tan pronto como sexa aprobado o orzamento municipal, ademais de realizar o pago anticipado do 95% das subvencións concedidas
  3. Poñer a disposicion das entidades deportivas os equipamentos deportivos municipais durante os meses de xullo e agosto, eliminando ou minimizando o peche de verán.
  4. Adoptar protocolos estritos que garantan a seguridade sanitaria na práctica deportiva e favorezan o retorno de usuarios á mesma.
  5. Colaborar en campañas de promoción de deportes minoritarios en perigo de redución de actividade.

Nestes momentos, o obxectivo das entidades é pechar o exercicio sen déficit, xa que, dada a redución dos ingresos, a dependencia das subvencións públicas é maior. Nese sentido existe unha preocupación xeneralizada polo mantemento de equipos e persoal técnico. Pero tamén se trata de ir recuperando a actividade non competitiva, garantindo especialmente que o acceso ao deporte non se vexa dificultado por motivos socioeconómicos.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que participaron nos encontros telemáticos xunto con persoal da área de Deporte, aludiron á necesidade de adaptar os orzamentos municipais á nova realidade, ademais de expresar que, froito do compromiso do goberno municipal co fomento do deporte de base, a diminución de ingresos provocada polo peche das instalacións deportivas non repercutirá nese compromiso de apoio ao tecido asociativo.

Descargas

Compartir: