MAÑÁ É O ÚLTIMO DÍA PARA INSCRIBIRSE
A Marcha Cicloturista a Bergantiños realizará na súa 13ª edición dun percorrido de 85 quilómetros pola zona costeira
A ruta, organizada polo Club Ciclista Carballo coa colaboración co Concello, celebrarase o vindeiro domingo 15
Sábado 7 de marzo do 2020
A presentación da marcha realizouse na Casa do Concello
Aínda estás a tempo de inscribirte para participar na XIII Marcha Cicloturista a Bergantiños, unha iniciativa do Club Ciclista Carballo que permitirá a un máximo de 150 deportistas maiores de 15 anos gozar dunha ruta de 85 quilómetros por algunhas das paraxes máis espectaculares do litoral bergantiñán.
A cita será o domingo 15, pero o último días para anotarse será mañá. As inscricións poderanse facer a través da páxina www.championchipnorte.com ou persoalmente o mesmo día da proba ata media hora antes da saída, pero só para aqueles/as ciclistas que dispoñan de licencia federativa anual e sempre e cando non se chegara ao límite de participantes. A cota é de 12 euros (15 para os/as que se anoten o mesmo día e 22 para os/as que precisen obter licenza dun día).
A presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro, destacou a boa aceptación da convocatoria. “A xente está respondendo ben e o noso desexo é que se cubran todas as prazas”, sinalou. Vanesa Loureiro presentou a iniciativa acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que puxeron en valor o traballo que vén desenvolvendo a entidade carballesa na promoción do ciclismo pero tamén do respecto pola natureza, a mobilidade sostible ou a igualdade, a través das distintas iniciativas que organiza ou nas que colabora.
Proba de velocidade controlada
A Marcha Cicloturista será de velocidade controlada, de xeito que o pelotón marche agrupado ao longo de todo o percorrido e cunha velocidade media estimada de 26 Km/h. Nas subidas dende O Couto ao miradoiro do Monte do Faro de Brantuas, onde se realizará o avituallamento, e de Razo a Oza, para facilitar que cada participante suba ao ritmo que lle resulte máis axeitado haberá dous tramos libres, de carácter non competitivo.
Os/as participantes están convocados/as para o día 15 no pavillón Vila de Noia de Carballo, onde estará situada a oficina permanente. A entrega de dorsais realizarase de 08:00 a 09:00 horas, e a saída será ás 10:00. A organización terá persoal auxiliar en cruces, así coma motos de enlace e vehículos de apoio, ambulancia e médico, e contará coa colaboración de Protección Civil, Garda Civil de Tráfico e Policía Local. O percorrido comezará en Carballo e continuará por Buño, Ponteceso, Brantuas, Malpica, Razo, Imende, Razo e Carballo: 85 quilómetros en total.
A marcha non é competitiva, pero ao final, ademais de aperitivo, haberá obsequios para o club máis numeroso, o máis lonxano e, a nivel individual, participantes de maior e menor idade nas categorías masculina e feminina.