As primeiras xornadas da Liga de Babybasket reunirán este sábado en Carballo a 180 pequenos/as deportistas
A actividade, dirixida a nenos e nenas de 5 a 7 anos, terá carácter lúdico, sen árbitros nin marcadores
Xoves 16 de xaneiro do 2020
Marcos Trigo, Joaquín Moreira, Macarena Mato, Evencio Ferrero, Arturo Ferraces e Primitivo Reguera
Este sábado, 18 de xaneiro, celebraranse no pavillón Carballo Calero dúas novas xornadas da Liga de Babybasket, da Federación Galega de Baloncesto. Serán as dúas primeiras citas para os xogadores da Delegación Coruñesa, que esta temporada, polo gran numero de equipos inscritos (33), decidiu estruturar a competición en dous grupos. Esta fin de semana a organización recae no Club Baloncesto Artai, que conta co apoio do Concello de Carballo. Máis adiante será a Escola de Basket Xiria quen asuma esa organización.
Será unha excelente ocasión para ver como dan os seus primeiros pasos os xogadores máis novos dos clubs (nacidos do 2012 ao 2015) nun evento de formación, onde menos é o resultado e que se disputa nun formato especial de catro contra catro en dous tempos de doce minutos, sen árbitros nin resultado final. É a terceira ocasión na que se celebra esta competición en Galicia.
Os partidos, entre as 10 e as 14 horas, reunirán a 180 xogadores de estes 16 equipos: Liceo La Paz, Calasanz C.D., Básquet Coruña Baby Blanco, Básquet Coruña Baby Amarillo, C.B. Artai A, C.B. Artai B, C.B. Artai C, EDM Pequebasket Ponteceso Xiria, Escola Basket Xiria Pequebasket Xiria Verde, Escola Basket Xiria Pequebasket, C.B. Laracha Pan y Díaz, Club A.A. Dominicos, Club Baloncesto Cambre, C.B. Golfiños de Sada e C.B. Golfiños de Sada Golfiños.
Presentación
“Hai que agradecerlles ao Artai e ao Baloncesto Xiria a súa implicación nun deporte que nos últimos anos medrou moito e que en Carballo é xa o segundo con máis de 300 xogadores federados”, dixo o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, na rolda de prensa de presentación da xornada, esta mañá na Casa do Concello. Trigo estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero; por Macarena Mato, directora do CPR Artai; por Arturo Ferraces, director deportivo da EB Xiria, e por Joaquín Moreira, presidente do CB Artai.
Joaquín Moreira asegurou que Carballo é un “dos sitios pioneiros e con más tradición na organización de eventos de baloncesto para estas primeiras idade, de 5 a 7 anos”. “Na reunión que mantivemos en novembro pasado, a Federación concedeunos ao Artai dúas datas, a desta fin de semana e outra para o mes de febreiro. É unha actividade que está en auxe: o ano pasado celebrouse a competición nun só día e unha soa sede, coa participación de 24 equipos, e este ano somos xa 33 os equipos, polo que a FGB decidiu dividilos en dous grupos”. O presidente do Artai insistiu en que as xornadas “son de carácter totalmente lúdico, non competitivo, sen árbitros nin marcadores”, e salientou “a boa predisposicións dos clubs de Coruña a desprazarse a Carballo, situación moi diferente á de hai anos e que fala eu creo que moi ben de capacidade organizativa das entidades deportivas do concello”.
Arturo Ferraces estendeuse nesa mesma apreciación: “Hai que destacar a calidade as nosas instalacións; moitos dos participantes, que veñen de fóra, non teñen esa capacidade para acoller as xornadas porque hai que montar, nun mesmo recinto, as tres pistas nas que se disputan os partidos de maneira simultánea. Das doce xornada que se celebrarán este ano do Babybasket, catro xogaranse en Carballo; que mellor xeito de aproveitar as instalacións e a dispoñibilidade do Concello”. Ferraces rematou explicando que para moitos dos rapaces o Babybasket é a súa primeira experiencia competitiva, “por iso para nós tamén é importante, desde un punto de vista do deporte se se quere moi romántico, que teñan o recordo de que foi en Carballo onde disputaron o seu primeiro partido de baloncesto”.
Evencio Ferrero afirmou que as instalacións municipais “son para usar e ben está que se usen canto máis mellor”. Destacou tamén o gran número de xente que move este tipo de eventos, “non xa só xogadores, case 200 esta fin de semana, senón de familiares que veñen acompañando aos cativos e cativas”. O alcalde rematou agradecendo “a capacidade organizativa tanto de Xiria Basket como de Artai, quen sempre están dispostos a asumir novos retos, malia que iso signifique máis carga de traballo, máis responsabilidade ou máis obrigas”.