Deporte

Deporte

OS DÍAS 14 E 21 DE SETEMBRO

Bértoa e Goiáns, próximos destinos do programa “Vive o deporte, desfruta do baloncesto nas nosas parroquias”

A Escola Basket Xiria volve a contar co apoio dos consellos parroquiais para poñer en valor a práctica do baloncesto e as instalacións deportivas do rural

Venres 13 de setembro do 2019

A Escola Basket Xiria (EBX) organiza a terceira edición de ‘Vive o deporte, desfruta do baloncesto nas nosas parroquias’, unha iniciativa de carácter lúdico, deportivo e social en pistas deportivas ao aire libre situadas nas zonas rurais do noso concello. Este ano o programa fará parada especial nas parroquias de Bértoa (pista de Mirón), este sábado 14, e Goiáns (pista de Xoane), o 21, en ámbolos casos ás 11.00 horas e coa participación dos equipos inferiores, tanto masculinos coma femininos, da EBX. Ademais de baloncesto, haberá concursos e sorteos para a rapazada e para os maiores.

Nesta iniciativa, o Basket Xiria conta coa colaboración do Concello de Carballo, Carballo Deporte, Deputación da Coruña e os consellos parroquiais e representantes veciñais das parroquias de Bértoa e Goiáns. O obxectivo é fomentar e difundir a práctica deportiva e os hábitos de vida saudable entre os veciños residentes das parroquias carballesas, así como poñer en valor os recursos do noso municipio que se atopan fora do núcleo urbano. Dalgún xeito, como apuntaron Arturo Ferraces e Primitivo Reguera, representantes do club, na presentación da iniciativa, “devolver ao Concello e á sociedade de Carballo o que nos dan: instalacións, subvencións, nenos e nenas”.

Membros dos consellos parroquiais de Goiáns e Bértoa, que tamén acudiron á presentación, valoraron de xeito moi positivo esta experiencia, que cada ano achega o baloncesto a distintos puntos do noso territorio. Tanto o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, como o alcalde, Evencio Ferrero, agradeceron a iniciativa da EBX e a colaboración veciñal para facela posible.



Galería

Compartir: