DO LUNS 8 AO VENRES 12 DE XULLO
Presentado o equipo cadete feminino que representará a Carballo nos XIII Xogos do Eixo Atlántico
Francisco García Bello será o encargado da expedición carballesa, integrada por dez xogadoras, 8 do Xiria e 2 do Artai, un técnico e un delegado de equipo
Venres 5 de xullo do 2019
O pavillón Vila de Noia acolleu a presentación do equipo cadete feminino que representará ao Concello de Carballo nos XIII Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán do 7 ao 12 de xullo na cidade portuguesa de Braga. Ademais das/os integrantes do equipo, no acto estiveron presentes o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o xerente de Carballo Deporte, Francisco García; Armando Collazo, directivo do Xiria, e Joaquín Moreira, presidente do CB Artai.
A expedición carballesa, que partirá este domingo ás 13:00 horas da Praza do Concello en dirección á Residencia Universitaria Prof. Llyod Braga, onde permanecerá aloxada, está integrada por dez xogadoras (8 do Xiria e 2 do Artai); o técnico do EB Xiria, Héctor Añón; Cristián Lage, delegado de equipo e Francisco García Bello, de Carballo Deporte, como responsable da delegación de Carballo.
O equipo carballés quedou encadrado nun dos dous grupos de 5 equipos, xunto coas cidades galegas de Vigo e Santiago de Compostela e as portuguesas de Matosinhos e Valongo. Esta é a sexta edición na que participará o Concello de Carballo, as últimas cinco só con equipos de baloncesto.
Así, o calendario da primeira fase deixaranos os seguintes enfrontamentos, que se disputarán no pavillón Francisco Sanches.
- Luns 8, ás 10:00 horas: Carballo- Valongo
- Martes 9, ás 11:00 horas: Carballo-Matosinhos e ás 18:30: Carballo-Vigo
- Mércores 10, ás 11:00 horas: Carballo-Vigo
- Xoves 11 e venres 12, disputaranse os partidos en función da clasificación
Participantes
- Por Galicia: O Barco , Monforte de Lemos, Santiago de Compostela, Lugo ,Carballo, Sarria, Ourense, Vilagarcía, Vigo e O Carballiño.
- Por Portugal: Porto, Guimarães, Valongo, Matosinhos, Viana do Castelo, Eurocidade Chaves-Verín, Famalicão, Santa Maria da Feira, Vila Nova de Gaia, Maia, Braga, Barcelos, Bragança, Peso da Régua e Vila Real.