Evencio Ferrero ofreceu unha recepción oficial ao Club Baloncesto Calvo Artai polo seu ascenso a Segunda
Os xogadores asinaron no Libro de Honra do Concello
Xoves 20 de xuño do 2019
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, recibiron hoxe na Casa do Concello ao plantel sénior masculino do Club Baloncesto Calvo Artai, nun recoñecemento polo subcampionato galego de 3ª División acadado polo equipo colexial, que lle valeu o ascenso a Segunda. Acompañaron aos xogadores os seus técnicos, Alberto García e Pablo Moreira; o presidente do club, Joaquín Moreira; Teresa Mosquera, en representación do CPR Artai; Luciano Calvo, presidente do Grupo Calvo, principal patrocinador, e o vicepresidente segundo da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Villamarín, quen fixo entrega do trofeo e das medallas aos xogadores.
O CB Calvo Artai conseguiu o ascenso, na súa segunda temporada na categoría, logo de rematar na segunda praza do seu grupo da Delegación Coruñesa, eliminar ao Irmandiños de Ferrol na fase previa e vencer nos seis partidos da liga de ascenso a rivais, a priori de máis entidade, todos primeiros nos seus grupos de competición regular.
Estes foron os 18 artífices do éxito; os máis deles, carballeses e formados no club: os bases Fer Mariño (capitán) e Diego Mallo; os escoltas Bruno Calviño, Javi López, Marcos Guiance, Alesandro Pérez,Pedro Trigo e Pablo (júnior); os aleros Javi Rey, Andrés Puente, Iván Cancela, Sergio Cebral e Manu (júnior), e os pivots Jaime Sueiro, Abraham Parcero, Adrián Rey e Yago (júnior).
Logo de que José Manuel Villamarín e Luciano Calvo felicitasen ao equipo polo ascenso e lle desexasen o mesmo éxito a temporada que vén, Evencio Ferrero fixo extensivos os parabéns por parte do Concello e lembrou o seu paso como estudante e como docente no colexio Leus, “un colexio que deu orixe ao Artai e sempre deixou pegada”. “Agora”, engadiu, “vemos como se transformou todo aquilo nun centro de referencia, moi vinculado ao deporte e moi vinculado ao baloncesto, e que está a facer un traballo que merece todo o recoñecemento, porque ademais levades o nome do Artai e o nome de Carballo como moita alegría e coa maior dignidade”.
O acto rematou coa tradicional firma no Libro de Honra do Concello.