O XI Autocrós Carballo inaugura o Campionato Galego 2019
Setenta pilotos citaranse este sábado no Circuíto Municipal de Bértoa nunha nova proba organizada pola escudería local Máis Motor
Martes 23 de abril do 2019
Tras o descanso invernal, a expectación é máxima no Campionato Galego de Autocrós, que arranca este sábado no Circuíto de Bértoa coa proba que organiza, como xa é habitual, a escudería local Máis Motor en colaboración co Concello de Carballo, Carballo Deporte e a Federación Galega de Automobilismo. Se na xornada de adestramentos libres que se celebrou a semana pasada no trazado municipal carballés foron case 50 os pilotos que aproveitaron para poñer a punto os seus vehículos, para a carreira que se celebrará esta fin de semana espérase que o número chegue aos 70, entre eles os máximos favoritos ao título en todas as categorías. A inscrición pecha mañá mércores 24 ás 20.00 horas.
Na clase I (vehículos de estrita serie), o actual campión, Iván Muíño -que esta tempada lidera a categoría Off- Road do certame nacional tras acadar a vitoria nas dúas citas disputadas- terá a difícil misión de revalidar o título. Enfronte, entre outros, estará Tinín Igrexas, subcampión en 2018 e campión en 2017.
Na clase II -destinada a vehículos de tracción dianteira con motores de máis de 1.600 centímetros cúbicos-, Javier Candal defende título co seu Citroën Saxo fronte a rivais directos como Tino Igrexas (Ford Festa R2), sete veces campión autonómico. Na xornada de adestramentos non puido estar Mario Ríos, pero si confirmou a súa presenza en Bértoa o sábado.
Na categoría raíña, carcross, a saída reunirá aos mellores condutores, que suman máis de media ducia de títulos galegos. Desde Nigrán, Joaquín Chamorro, competirá novamente con Kincar, a marca da que é fabricante. O último campión da especialidade terá enfronte aos dous pilotos de Semog que lle precederon no título: o arteixán Pablo García (vencedor en 2017) e o afincado en Carral Antón Muíños (2016). Da man de Yacarcross, o local Javier Ramilo arrincará a pelexa polo título que se lle resistiu nas últimas tempadas. Outros pilotos da zona dos que están moi pendentes os afeccionados son Daniel Vázquez, Daniel Mariño (esta tempada, con Kincar) e Alberto Lorenzo. Entre os vehículos da media ducia de fabricantes presentes esta fin de semana en Bértoa veremos o modelo A Base RX01, deseñado e fabricado en Carballo.
Se finalmente se disputa, a categoría de 4x4 ofrecerá, con seguridade, un novo episodio da loita entre dous dos pilotos con traxectoria máis longa no autocrós nacional, Perfecto Calviño e Perico Rodríguez.
Presentación
Fabián Varela e Beto Lorenzo
O XI Autocrós de Carballo presentouse esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o presidente de Máis Motor, Juan Puga; e dúas das promesas da canteira da escudería carballesa, Beto Lorenzo e Fabián Varela.
Puga empezou desexando que mellore a meteoroloxía para a disputa da carreira: “Con este tempo a proba desloce, pero as previsións son de que mellore e que os afeccionados se animen a vir ao circuíto, porque non é o mesmo velo que que cho conten”. En canto á saída, dixo que será “moi parecida á de 2108, entre 70 e 80 pilotos”. O presidente agradeceu a colaboración dos patrocinadores, “non só para a desta fin de semana, senón para as que veñen”, que avanzou que serán unha do campionato nacional, outra do galego e, moi probablemente, unha última de resistencia xa a finais de ano.
Lorenzo e Varela mostráronse ilusionados por correr na casa e poder facer unha boa carreira diante dos afeccionados carballeses.
“Coas probas que xa se levan disputadas, e non só de autocrós, o circuíto de Bértoa empeza a ser un referente non só circuíto galego, senón tamén no nacional”, afirmou o alcalde. “O que nos gusta -engadiu- non é só ver en Carballo aos aspirantes ao título, senón tamén xente que se incorpore ao mundo do motor, como Beto e Fabián. Para iso tamén está o circuíto, para que o sexa con actividade permanente, ao que sen dúbida contribúe o traballo de Máis Motor”, rematou.
Horarios
- 9–11.45: verificacións administrativas e técnicas.
- 12: sesións de adestramentos libres.
- 13.15: sesións de cualificación.
- 15.30: semifinais.
- 17.15: finais B.
- 18.20: finais.
Datos do Circuíto Municipal de Carballo
Superficie: 100 % terra.
Lonxitude: 950 metros.
Anchura media: 13 metros.
Boxes: 8.000 m².
Récord da pista: 41.266 segundos, establecido en 2018 por Juan José Moll (Speedcar Xtrem).