Deporte

Deporte

EN COLABORACIÓN COA CRUZ VERMELLA RECOLLERANSE ALIMENTOS

A cuarta edición do Ludijudo reunirá este domingo a centos de familias nunha xornada de deporte e convivencia

A actividade, organizada polo Concello en colaboración co Judo Club Bergantiños, consolídase entre as citas anuais de promoción dos valores deportivos entre a infancia

Venres 12 de abril do 2019

Imaxe do Ludijudo 2018

Imaxe do Ludijudo 2018

Aproveitando as vacacións de Semana Santa florecen as actividades deportivas que van máis alá da competición, fomentando valores como a igualdade, o respecto, a deportividade, a solidariedade ou o compañeirismo, tradicionalmente asociados tamén ao deporte. Unha desas iniciativas é o Festival Ludijudo, que reunirá este domingo en Carballo a centos de familias, xa que unha das características da actividade é que permite que os nenos e nenas fagan judo cos seus pais e as súas nais.

No Ludijudo participarán nenos e nenas de toda a comarca de Bergantiños, así coma de Santa Comba, Cee, Fisterra e A Coruña, e ademais están convidadas as escolas municipais de Muxía e Camariñas e os clubs Arteixo, Axiña, Ferrolterra, Karbo e Xogos da Amizade.

O festival, organizado polo Concello de Carballo, a través de Carballo Deporte, coa colaboración do Judo Club Bergantiños, celebrarase no pavillón Vila de Noia durante toda a mañá do domingo. O programa divídese en catro estacións, que se corresponden con judo pé, judo chan, circuíto de inchables deseñados especificamente para a xornada pola empresa carballesa Maraxiña Xestión de Ocio e manualidades de todo tipo relacionadas tamén co deporte, dende colores ata escritura en xaponés.

O presidente do Judo Club Bergantiños, David Pérez, destaca que o judo “é un deporte que se adapta a todas as idades, dende os más pequenos ata os máis maiores, un deporte que mestura o saber estar, o respecto entre as persoas a preparación física e a defensa persoal”.

Como nas edicións anteriores, o Ludijudo tamén ten unha faceta solidaria. Así, en colaboración coa Cruz Vermella, realizarase unha recollida de alimentos non perecedoiros para familias con poucos recursos.



Galería

Compartir: