Deporte

Deporte

Formalizadas 363 inscricións para a Carballo Trail Race, que celebramos este domingo 3 de febreiro

Sigue lendo para coñecer o percorrido, os horarios e todos os servizos que poñemos á túa disposición para que desfrutes dunha xornada de deporte e natureza

Mércores 30 de xaneiro do 2019

244 participantes na carreira curta e 119 na longa: en total, 363 persoas  dispostas a desfrutar dunha xornada de deporte e natureza na Carballo Trail Race, proba oficial da Federación Galega de Atletismo que organizamos coa colaboración da Agrupación Deportiva Media Ducia e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo.

Por riba do carácter competitivo, a Carballo Trail Race é unha carreira que busca a integración e o respecto polo medio ambiente, e por iso non se utilizará sinalización invasora para a natureza e contaremos con 60 voluntarios para limpar o lixo que poida xerarse, que agardamos que sexa o mínimo posible coa colaboración de tod@s.

A distancia da trail longa será duns 30 quilómetros e 900 metros de desnivel, con saída na praia de Razo (9.30 horas), meta na rúa Vila de Corcubión e paso pola estrada ao porto de Razo, Senda Pinos do Mar, lugar de Santa Mariña, cruce da estrada Razo-Aviño, subida a Monte Neme, cumio de Monte Neme, Cances, Centro Social, monte de Liñeiro, Monte de Vilanova, Muíño Rego de Liñeiro, Vilanova, A Constenla, Muíño da Torre, Ponte das Gargas, A Devesa, A Cepeira, Muíño do Quinto, cruce da rúa Fomento, rúa Río Anllóns, rúa Río Miño, San Martiño, cruce da rúa Milagrosa, Paseo do Anllóns e rúa Vila de Negreira.

A distancia da trail curta e para a categoría xuvenil será de 11 quilómetros e 500 metros de desnivel, co mesmo percorrido que a trail longa pero ata a súa meta no Centro Social de Cances.

Os dorsais recolleranse na Piscina Vila de Noia o sábado 2 de febreiro, de 10.00 a 13.00 horas, e de 16.00 a 20.00; e o día da carreira desde as 7.30. A organización disporá autobuses (ás 8.30) para desprazar aos atletas que o desexen desde a piscina ata a saída, na praia de Razo; e desde a meta da trail curta ata o complexo deportivo carballés. Os puntos de avituallamento, sólido e líquido, estarán situados nos quilómetros 8 (Cumio Monte Neme; líquido), 11 (Local Social de Cances; líquido e sólido), 20 (Muiño da Torre; líquido e sólido) e 25 (A Cepeira; líquido).

Compartir: