Deporte

Deporte

AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS TEÑEN 4.442 ABONADOS/AS

O Concello de Carballo incentivou o ano pasado a actividade das entidades deportivas con 645.501 euros en subvencións

Rexistrados máis de 165.000 accesos ás instalacións nas que se precisa tarxeta de abonado/a

Venres 18 de xaneiro do 2019

O Consello Deportivo Municipal reuniuse na Casa do Concello

O Consello Deportivo Municipal reuniuse na Casa do Concello

As subvencións concedidas o ano pasado para o fomento da actividade deportiva acadaron os 645.501 euros. Dentro desta cifra están incluídos os 444.526,96 euros correspondentes ao uso de instalacións, cuxo custe asume o Concello de Carballo de forma íntegra. A maiores, a actividade das entidades foi incentivada con achegas económicas directas, tanto a través de subvencións nominativas (65.000 euros) coma de libre concorrencia (135.974,52 euros). Entre as dúas acadáronse os 200.974,52, o que supón un incremento do 71,8% en cinco anos. A relación detallada de entidades beneficiarias foi presentada no último Consello Deportivo Municipal, e pode consultarse no documento adxunto.

As instalacións deportivas municipais remataron o ano con 4.442 abonados/as, un 13% máis ca no 2017. Nas instalacións que están dotadas de control de accesos automatizado rexistráronse 165.468 accesos entre salas fitness e piscinas. As actividades acuáticas teñen moi boa aceptación e moita demanda, especialmente as escolas de natación infantil, nas que participan 652 nenos e nenas. En total asistiron ás actividades dirixidas que organiza o Concello de Carballo 1.765 persoas: 617 que integran os 23 grupos de exercicio físico para maiores, 112 de ximnasia de mantemento e  1.036 que participan nas escolas de natación para nenos/as e adultos/as, natación terapéutica, natacion 3ª idade,aquagym e natación embarazadas.

No consello hai representantes dos grupos políticos e das entidades deportivas

No consello hai representantes dos grupos políticos e das entidades deportivas

No Consello Deportivo Municipal tamén se deu conta do informe de xestión das instalacións deportivas municipais, que nun só ano melloraron en cantidade e calidade. O Concello de Carballo ten acordos asinados cos IES Monte Neme, Parga Pondal e Alfredo Brañas e cos CEIP Nétoma-Razo, Fogar, Xesús San Luís Romero e Gándara-Sofán. Nestes momentos están a disposición das entidades, polo tanto, dúas piscinas climatizadas, 8 pavillóns, 2 ximnasios, 4 campos de fútbol e o circuíto do motor. No seu conxunto, todas estas instalacións rexistran 1.488,25 horas de uso á semana, é dicir, 211,75 horas ao día.

Para seguir mellorando os equipamentos deportivos, no ano de referencia leváronse a cabo ou puxéronse en marcha varias obras, entre as que destacan as reformas do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero e do campo de fútbol O Carral, o novo pavimento nos pavillóns do IES Parga Pondal e do CEIP Gándara-Sofán, o novo equipamento dos pavillóns dos IES Monte Neme e PargaPondal e a construción da skate-praza na contorna da Biblioteca Rego da Balsa, que estará dispoñible en breve.

Compartir: