Evencio Ferrero recibiu na Alcaldía a Gabriel Serrano, que vén de proclamarse campión de España de autocross na División II
O piloto foi agasallado co carballo de Sargadelos e asinou no Libro de Honra do Concello
Luns 19 de novembro do 2018
Gabriel Serrano, co carballo de Sargadelos
A todos os trofeos que leva acumulados ao longo da súa carreira deportiva, Gabriel Serrano engadiu hoxe o noso carballo de Sargadelos, o regalo institucional reservado para as persoas ilustres que visitan a Casa do Concello. Non cabe dúbida que o piloto destaca no seu, e a proba é que vén de proclamarse, por segunda vez, campión de España de autocross na División II. Nesta ocasión, como lembrou hoxe, o título estivo rifado ata o final e gañou por un punto.
Con Gabriel estivo seu pai, que non só ten moito que ver na carreira deportiva dos seus fillos, senón tamén na recepción de hoxe na Alcaldía. “O prometido é débeda, e ademais non se lle pode fallar a un veciño da rúa Xúpiter”, díxolle en broma Evencio Ferrero, que lembrou deste xeito a súa relación de veciñanza co pai do deportista.
O piloto asinou no Libro de Honra
O alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o director de Carballo Deporte, Francisco García. Ademais de facerlle entrega do carballo de Sargadelos en recoñecemento a este novo éxito deportivo, Evencio Ferrero convidou a Gabriel Serrano a asinar no Libro de Honra e a sumarse deste xeito a unha relación cada vez máis longa de carballeses, carballesas e visitantes ilustres do noso concello.