Deporte

Deporte

Este sábado volve o autocross ao circuíto municipal de Bértoa con 71 pilotos en competición

Na categoría de carcross, a máis numerosa e espectacular, volveremos a ver en acción ao La Base RX01, o coche “made in” Carballo que lidera o campionato de España

Xoves 27 de setembro do 2018

Marcos Trigo, Maikel Vilariño, Evencio Ferrero e Juan Puga, hoxe

Marcos Trigo, Maikel Vilariño, Evencio Ferrero e Juan Puga, hoxe

O último sábado de setembro é sábado de autocross. O circuíto municipal de Bértoa acolle a terceira proba do ano, e desta volta con bo tempo case asegurado para celebrar dez anos de competicións organizadas pola Escudería Máis Motor coa colaboración do Concello de Carballo. Hoxe asistimos á presentación dun evento no que non só volveremos a ver en acción a unha decena de pilotos locais entre un total de 71 participantes, senón que na categoría de carcross, a máis numerosa e espectacular, haberá unha considerable representación do La Base RX01, o coche fabricado no noso concello e que lidera o campionato de España.

O seu promotor, o tamén piloto Maikel Vilariño, foi un dos participantes na presentación do 10º Autocross Carballo xunto co presidente da Escudería Máis Motor, Juan Puga; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Tanto Marcos Trigo coma Evencio Ferrero expresaron os seus parabéns a Máis Motor polo labor de promoción do autocross que veñen desenvolvendo e que nestes anos contribuíu decisivamente a converter Carballo “nun circuíto de referencia”, como proban, en palabras do alcalde, a aposta que está a facer a Federación Galega coa organización de dúas carreiras anuais, “e iso _dixo_ é porque as cousas están a funcionar”.

Evencio Ferrero destacou ademais “o gran valor” que supón que, ademais do aspecto deportivo, o gran arraigo que ten o autocross no noso concello propiciase o nacemento dunha empresa coma La Base Motor Club. “Neste país sempre exportamos material pero non fabricamos malia ter capacidade de facer as cousas aquí. Neste sentido Maikel é un exemplo. Xa non se trata só de promocionar un deporte, un circuíto, senón que hai xente que viu un nicho de mercado e apostou por un proxecto empresarial, e hoxe temos coches fabricados en Carballo”.

Eses coches, que xa están presentes en países coma Finlandia, Grecia ou Portugal, e que pronto chegarán tamén a Italia, Líbano e Alemaña, son os RX01, fabricados en La Base Motor Club. Este sábado verémolos rodar no circuíto de Bértoa. “Imos intentar levar os máximos posibles”, asegurou Maikel Vilariño, quen recoñeceu que este ano ten un tanto aparcada a competición para centrarse no seu proxecto empresarial. Aínda así, “intentarei facelo o mellor posible”, manifestou.

Horarios

A cita co autocross arrancará ás 10.00 horas coas verificacións e ás 12.00 empezarán os adestramentos. Pero os pratos fortes chegarán pola tarde, coas semifinais ás 15.30 e as finais ás 17.00 horas. O prazo pechou hoxe pola tarde con 71 inscritos. “É unha boa participación”, sinalou Juan Puga.

Descargas

Compartir: