Deporte

Deporte

As subvencións directas do Concello de Carballo ás entidades deportivas acadan este ano os 174.000 euros

A Concellaría de Deporte apoia un total de 39 proxectos promovidos por 21 asociacións

Luns 3 de setembro do 2018

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión ordinaria a concesión de subvencións por importe de 109.000 euros para as entidades deportivas do noso concello, mantendo deste xeito unha cifra récord destinada a apoiar a actividade que desenvolven clubs e asociacións ao longo do ano.

Esta cantidade, outorgada a través de procedementos en concorrencia competitiva, permite financiar un total de 30 proxectos a través das convocatorias de axudas para a actividade xeral durante a tempada, a organización de eventos deportivos e a participación en fases de ascenso e/ou campionatos de España.

En concreto, tal como figura nos documentos anexos, a Concellaría de Deporte destina 92.000 euros para subvencionar a actividade xeral de 15 entidades, financia con 10.700 euros 11 proxectos de eventos deportivos presentados por 9 entidades, e con 6.300 euros apoia a participación de catro entidades en fases de ascenso e/ou campionatos de España. As contías outórganse en función dunha serie de criterios establecidos nas bases, e permiten cubrir unha porcentaxe de ata o 100% dos orzamentos e gastos.

A estas liñas de axudas hai que engadir as subvencións nominativas previstas no orzamento municipal, outorgadas este ano a nove entidades por un total de 65.000 euros.

Uso de instalacións

Pero a maiores destes 39 proxectos promovidos por 21 entidades do noso concello e apoiados con axudas económicas directas, desde a Concellaría de Deporte tamén se está a impulsar a actividade deportiva facilitando a utilización das instalacións de xestión municipal sen ningún tipo de contrapartida económica. O Concello de Carballo ten a disposición das entidades seis pavillóns, tres ximnasios, tres campos de fútbol e dúas piscinas climatizadas, cuxo uso por parte das entidades está cuantificado nun valor económico de 443.700 euros que se bonifica na súa totalidade.

Para o Concello de Carballo, a promoción do deporte debe ser un dos eixos da acción do goberno, coa finalidade de universalizar a práctica deportiva entre a poboación, polo que o asociacionismo deportivo convértese, en consecuencia, un piar básico para acadar un sistema deportivo participativo, amplo e diversificado.

Descargas

Compartir: