24 equipos disputan este sábado en Carballo as fases finais provinciais de minibalonmán
Balonmán Xiria, que organiza o torneo, vai contar coa maior representación, o que demostra, en palabras da delegada da Federación Galega, “o gran traballo” que se está a facer
Xoves 31 de maio do 2018
Este sábado Carballo acolle, no pavillón Vila de Noia e no do CEIP Fogar, as Fases Finais Provinciais de Balonmán 5, ou minibalonmán, nas categorías benxamín (nenas e nenos nacidos nos anos 2008 e 2009) e alevín (nenas e nenos nacidos nos anos 2006 e 2007). A cita está organizada polas Escolas de Balonmán Xiria en colaboración coa Federación Galega de Balonmán e o Concello de Carballo.
A Carballo desprazaranse 24 equipos (12 da categoría alevín e outros 12 da categoría benxamín), 210 deportistas e uns 20 técnicos de 8 clubs: BM Arteixo, BM Culleredo, BM Línea 21, Colexio Liceo, EM Abegondo, OAR, Ribadosar e Escolas de Balonmán Xiria. O club carballés estará representado por 6 equipos: 2 benxamíns (OAK English Center Xiria e Clínica Dental Pico Blanco Xiria) e 4 equipos alevíns (Laber Xiria, Grupo Lemaco Xiria, Telepizza Carballo Xiria e LK Xiria). O BM Culleredo terá en competición outros 6 equipos (3 benxamíns e 3 alevíns); OAR, 3 (2 benxamíns e un alevín); EM Abegondo, 2 equipos benxamíns; BM Línea 21, Colexio Liceo e Ribadosar, un equipo benxamín e outro alevín; e BM Arteixo, un equipo alevín.
A competición comezará ás 9.30 horas, cos equipos distribuídos en catro grupos de tres en cada unha das dúas categorías. En cada pista xogaranse simultaneamente dous partidos, co que o espectáculo e a animación están asegurados. Durante a mañá disputarase a fase de grupos; pola tarde, as semifinais, ás que accederan os campións de cada grupo. Os segundos de cada cadro pelexarán polos postos do 5º ao 8º; e os terceiros, polos postos do 9º ao 12º. As semifinais están programadas para as 15.15; e as finais, para as 16.45. Na categoría benxamín, o vencedor en Carballo clasificarase para disputar o campionato galego. Arredor das 17.30 celebrarase a entrega de trofeos.
Presentación
O torneo presentouse esta mañá na casa do concello, nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o vicepresidente das Escolas de Balonmán Xiria, José Antonio Rodríguez Fraga; Edi Salgueiro, delegada da zona norte da Federación Galega de Balonmano; e Francisco Javier Rodríguez, directivo da federación autonómica.
Marcos Trigo agradeceulle á Federación Galega que apostase por Carballo e polas Escolas de Balonmán Xiria para organizar, unha vez máis, unha competición destas características. “Que Carballo acolla esta fase final demostra o excelente traballo, xa de décadas, que o Balonmán Xiria leva facendo coa base”.
Edi Salgueiro ratificou a confianza da Federación no Balonmán Xiria: “Sabemos que o torneo vai saír perfecto, diso non temos ningún xénero de dúbida”. A delegada federativa felicitou tamén ao club carballés por ser o equipo que más representantes ten en competición: “Iso demostra o gran traballo que estades a facer en Carballo e na entidade co balonmán de canteira”.
José Antonio Rodríguez afirmou: “Nunha fase final como esta que organizamos atopámonos co mellor balonmán alevín e benxamín da provincia: este é o mellor ano, con diferencia, tanto en número de equipos como na calidade dos mesmos”.“Para nós”, rematou, “é unha honra recibir tanto aos xogadores como aos técnicos dos equipos competidores”.
“Como ben dicía a delegada”, salientou Evencio Ferrero, “o torneo vai estar perfectamente organizado, porque a experiencia do Balonmán Xiria aí está demostrada”. “Por parte do Concello só podemos desexar que sexa unha festa do balonmán, un deporte que entre nós ten unha importantísima estrutura, e que a xente que veña aos pavillóns do Fogar e Vila de Noia siga apoiando ao deporte”.