Deporte

Deporte

Carballo será sede este domingo da fase final da Copa Coruña sénior de baloncesto

O Calvo Artai será o equipo anfitrión dunha competición na que tamén participan Idefic da Coruña, Irmandiños de Ferrol e CB Laracha

Xoves 24 de maio do 2018

O pavillón Vila de Noia acollerá este domingo 27 de maio a fase final da Copa Coruña sénior de baloncesto, na que se enfrontarán o equipo anfitrión, Calvo Artai, Idefic (A Coruña), Irmandiños de Ferrol e o CB Laracha, campión dos catro grupos da liga de clasificación. O torneo está organizado pola Delegación Coruñesa de Baloncesto, o Concello de Carballo e o Club Baloncesto Artai.

Este é o programa de competición:

  • Semifinal 1: Calvo Artai-Idefic Imatia Básquet Coruña (10.00 horas).
  • Semifinal 2: Irmandiños-Cervecería M3 Laracha (12.00 horas.)
  • Final: 17.00 horas       

O torneo presentouse nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; a directora do Centro Artai, Macarena Mato; o presidente do Club Baloncesto Artai, Joaquín Moreira; e Adrián Rey, un dos xogadores do equipo sénior do club escolar carballés.

Marcos Trigo felicitou ao CB Artai por estar na final deste domingo e salientou a capacidade organizativa da entidade: “O Artai é un club que ten xa unha longa traxectoria e que cuxa fiabilidade na organización de eventos está dabondo demostrada”.

Moreira explicou polo miúdo os detalles da competición: “Os equipos que non xogaron a fase de ascenso, e o Artai quedou a só unha vitoria, disputaron unha copa por sistema de liga, en catro grupos, cuxos campións serán os que loiten este domingo en Carballo por levantar o trofeo. Tres deles entraban en todas as apostas para chegar aquí e o cuarto, Idefic, un dos filiais do Básquet Coruña, foi a sorpresa da fase”.

“O evento –engadiu- reúne a catro equipos de bastante nivel nun torneo que se presenta moi aberto, sen un claro favorito; se cadra nós, por xogar na casa, temos unha moi pequena vantaxe, pero calquera pode alzarse coa vitoria. Eu espero que a final a disputemos o Artai e o CB Laracha, polo feito de ser os dous equipos de aquí”.

“Espero que tanto nós como o Bergantiños -declarou a directora do Artai- contemos co a maior afluencia de público, porque todo o relacionado con educar en deporte e en valores sempre é benvido”.

O alcalde de Carballo felicitou ao Artai “polo traballo que está a facer, non só en categoría sénior, senón especialmente en toda a estrutura federativa dun deporte de tanto nivel como é o baloncesto, que en Carballo conta cun número de licencias impresionantes. Creo que Carballo é un dos concellos con máis xogadores federados”.

“É importante –engadiu- que os máis novos se incorporen ao deporte, e neste caso o Artai caracterízase por ser un centro que está moi implicado co baloncesto, facendo un traballo exemplar”. O alcalde desexou sorte ao equipo carballés: “Esperemos que se cumpra a previsión de Joaquín e que sexan o Artai e o CB Laracha quen disputen a final”.

Compartir: