Deporte

Deporte

O Día do Pequebasket continúa medrando con máis participantes, máis apoios e máis actividades

Máis de 700 nenas e nenos de toda Galicia celebrarán o Día das Letras Galegas en Carballo cunha xornada que mestura deporte, educación viaria, cultura e ocio

Xoves 10 de maio do 2018

O auditorio da Biblioteca Rego da Balsa quedou pequeno

O auditorio da Biblioteca Rego da Balsa quedou pequeno

O Día das Letras Galegas Carballo volverá a converterse na capital autonómica do baloncesto de base coa celebración da sexta edición do Pequebasket, un encontro lúdico e deportivo pioneiro en Galicia que organiza a Escola Basket Xiria en colaboración co Concello de Carballo, a Federación Galega de Baloncesto e a Deputación da Coruña, e que reunirá a 64 equipos, 33 clubs e máis 700 xogadores chegados de localidades de toda a comunidade. O Pequebasket contará tamén con varios convidados ilustres, como a madriña do evento, Isa Sánchez, ex capitana da selección española de baloncesto; o técnico Sito Alonso, ex adestrador do Barcelona, Baskonia, Bilbao, San Sebastian ou Joventut de Badalona, entre outros equipos de ACB, e Blanca Millán, xogadora da Universidade de Main, da liga Universitaria americana.

No complexo deportivo Carballo Calero habilitaranse ademais un espazo lúdico (onde se instalará un parque con inchables, zona de xogos e de lecer onde os rapaces e rapazas poderán divertirse con obradoiros de pintura e globoflexia); un espazo de educación viaria (con circuítos de coches a pedais para sensibilizar ós máis pequenos coa seguridade dos vehículos á hora de circular polas rúas das nosas vilas), e o espazo de xogo, no pavillón, repartido en 9 pistas de xogo.

Presentación

Francisco Martín, Evencio Ferrero, Marcos Díaz Molk e José Carlos Cobas

Francisco Martín, Evencio Ferrero, Marcos Díaz Molk e José Carlos Cobas

O Pequebasket presentouse na Biblioteca Rego da Balsa, que quedou pequena para un acto no que participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente de Basket Xiria, Marcos Díaz Molk; o presidente de Federación Galega, Francisco Martín Mico, e José Carlos Cobas, director provincial de Caixabank, un dos patrocinadores do evento. Entre os público deixáronse ver o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; o alcalde e a concelleira de Deportes da Laracha, José Manuel López Varela e Patricia Bello; o ex presidente do Básquet Coruña, Julio Flores; o ex presidente da Escola Basket Xiria, Diego Vázquez, e o coordinador do club carballés, Arturo Ferraces, entre outros.

Díaz Molk salientou o crecemento do club tempada a tempada, ata chegar este ano ás 300 licenzas, das que, por primeira vez na historia da entidade, son máis as femininas. “A nosa idea de club –engadiu- é que a Escola Basket Xiria medre e chegue a outras localidades, de feito firmamos xa convenios cos concellos da Laracha e Ponteceso”. “O Pequebasket –rematou- non é un gasto, senón unha inversión de futuro: en educación, en valores e en deporte”.

O presidente da Federación Galega mostrouse “orgulloso de que o proxecto do Pequebasket sexa un proxecto de continuidade” e felicitou á Escola Basket Xiria e ao Concello de Carballo pola aposta que fan “polo baloncesto de base e pola xente nova”.

"As administracións estamos para aportar, para empurrar, para colaborar, e iso é o que intentamos facer desde o Concello", apuntou Evencio Ferrero

José Carlos Cobas dixo sentirse sorprendido polo interese que esperta o Pequebasket: “Levo moitos anos participando en presentacións, pero ao estar nunha como a de hoxe, onde vexo tantos nenos pequenos, pónseme a pel de galiña”.

“O de Xiria, que naceu a principios dos anos 80 -dixo Evencio Ferrero- é un proxecto que segue a ser ilusionante pero que a día de hoxe é xa unha realidade exemplar. Que un lugar como Carballo teña un club como a Escola Basket Xiria, con más de 300 licenzas federativas é un orgullo”.  Evencio Ferrero reiterou o apoio municipal á actividade: “As administracións estamos para aportar, para empurrar, para colaborar, e iso é o que intentamos facer desde o Concello. Que unha vila de 31.000 habitantes tena o número de deportistas federados que ten é un logro verdadeiramente espectacular, e a este logro contribúen de maneira importantísima a Escola Basket Xiria e tamén outros clubs, non só de baloncesto, senón tamén doutras modalidades deportivas”.



Galería

Compartir: