Deporte

Deporte

O Carballo Handball Festival reunirá esta Semana Santa a medio milleiro de deportistas de 33 equipos de todo o país

O alcalde e o concelleiro de Deporte participaron na presentación do evento que organiza Escolas Balonmán Xiria

Venres 23 de marzo do 2018

Escolas Balonmán Xiria organiza un ano máis, coa colaboración Carballo a un paso e de Carballo Deporte, o Carballo Handball Festival. A cita, de carácter non competitivo, terá lugar nos pavillóns Vila de Noia e do CEIP Fogar os vindeiros días 29, 30 e 31 de marzo, e reunirá a 11 clubs de todo o estado, 33 equipos e cerca de 500 xogadores das categorías benxamín, alevín e infantís masculina e feminina. Participarán, ademais dos equipos o club anfitrión, representantes do Ademar de León, Balonmano Ribadesella, Balonmán Rodeiro, Atlético Novás, Balonmán Lalín, Rasoeiro Balonmán, Balonmán Atlántico, Gijón Jovellanos, Balonmán Camariñas e Academia Octavio.

Os partidos das categorías alevín e benxamín concentraranse no pavillón Vila de Noia e os das categorías infantís masculina e feminina, na pista do Fogar. Os encontros disputaranse en horario continuado desde as nove da mañá as nove da noite.

Presentación

O festival presentouse hoxe na Casa do Concello, nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e Fernando Vázquez e José Antonio Rodríguez, en representación das Escolas de Balonmán Xiria.

“Conseguimos centrar tanto as categorías infantís masculina e feminina como as alevín e benxamín nos pavillóns do colexio Fogar e o Vila de Noia”, explicou Vázquez, “algo que sempre quixemos facer para evitar o desprazamento de anteriores edicións ao pavillón Carballo Calero, e a fin este ano puidemos facelo”. “Foi un ano complicado para organizar o evento”, engadiu, “tendo en conta a delicada situación dalgúns clubs ou mesmo da Andebalmaia en Portugal, pero conseguimos manternos nese número de entre cincocentos e seiscentos participantes das anteriores edicións, aos que habería que sumar outras duascentas persoas máis entre acompañantes e familiares. Malia eses problemas, este ano será, xunto co pasado, no que nos visitará un número maior de xogadores, xogadoras e adestradores que se aloxarán no CEIP Fogar; concretamente, 258 persoas. Iso ocorre porque son menos os equipos que se hospedarán un só día pero máis o que o farán dous ou os tres que dura a competición”.

“En calquera caso -engadiu-, nós estamos moi contentos, porque o torneo ten a súa propia personalidade e desde a organización non aspiramos, nin podemos nin queremos, ao que é habitual na Andebolmanía. A proba de que estamos a facer ben as cousas é que o torneo está tendo o seu eco e xa antes de que empecemos a mandar os informes aos clubs, no mes de setembro, moitos deles xa nos chaman antes para participar por primeira vez ou repetir experiencia”.

“O festival, como nas anteriores edicións, terá un marcado carácter lúdico, por riba do carácter competitivo, que para iso xa están as competicións oficiais nas que participamos durante a tempada. A socialización e a convivencia entre os xogadores e técnicos é o máis importante para nós, por iso non haberá clasificacións nin ganadores nin perdedores”, concluíu o técnico.

“Desde as Escolas de Balonmán Xiria”, dixo Rodríguez Fraga, “queremos destacar o ánimo colaborativo de pais e achegados ao balonmán para mover esta cantidade de xente. Fan falta moitas mans e moitas cabezas, pero afortunadamente temos con quen contar”. “É un traballo moi difícil, sobre todo para o equipo técnico, pero que ao final vese gratamente compensado coa consecución dos obxectivos que, como ben dixo Fernando, son sobre todo a socialización entre visitantes, anfitrións e todos os participantes”.

"Esperemos que a xente que nos visite e as familias que aquí estean aproveiten para gozar da competición e tamén da amizade e do bo ambiente que se crea no Handball”, sinalou Evencio Ferrero

O alcalde tivo palabras de eloxio para o club carballés: “É obrigado felicitar ás Escolas de Balonmán Xiria, unha sección do club exemplar; pola súa capacidade organizativa e pola capacidade que ten para captar novos xogadores e persoas que se vinculan á entidade. Proba diso é o volume, xa moi elevado, que un deporte como o balonmán ten non só en Carballo senón en toda a provincia da Coruña. A nivel competitivo subiu moitísimo e iso hai que agradecelo e valoralo”. “Desde o Concello”, afirmou, “o mínimo que debemos facer é poñer as instalacións a disposición de quen organiza eventos tan atractivos como o Handball Festival. Este formato, que concentra a competición das dúas instalacións do complexo deportivo Vila de Noia, vai reforzar a convivencia e o carácter de festival que ten o evento. Esperemos que a xente que nos visite e as familias que aquí estean aproveiten para gozar da competición e tamén da amizade e do bo ambiente que se crea no Handball”.

Compartir: