PRESENTADO O PROGRAMA DA COMPETICIÓN
Carballo acolle este sábado o campionato galego de longa distancia en piscina
Os nadadores locais Nicolás Queijeiro e Miguel Ángel Abelenda competirán cos mellores fondistas galegos
Mércores 24 de xaneiro do 2018
Gustavo Álvarez, Ramon Mosquera, Evencio Ferrero e Marcos Trigo
Non é a primeira vez, nin será a última, que Carballo acolle un campionato autonómico de natación, porque, como apunta o secretario da Federación Galega, Ramón Mosquera, “é un dos sitios onde sabemos que van funcionar”. Mosquera estivo hoxe na nosa vila para presentar, xunto co presidente da AD Fogar, Gustavo Álvarez; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero, o XIV Campionato galego de longa distancia en piscina, que se celebrará este sábado no complexo deportivo Carballo Calero.
A competición, tal como explicou Gustavo Álvarez, é clasificatoria para o Campionato de España, que se disputará o 24 de febreiro en Mataró. Constará de seis probas de fondo que reunirán aos mellores nadadores/as galegos/as, e entre eles estarán os infantís carballeses Nicolás Queijeiro e Miguel Ángel Abelenda, de 14 e 13 anos de idade, respectivamente, que xa forman parte da elite da nosa comunidade.
Ramón Mosquera engadiu que Galicia “é unha das comunidades máis potentes a nivel nacional e internacional”, e, de feito, este sábado teremos en Carballo a cinco nadadores do equipo nacional e “aos mellores fondistas galegos”. Serán un total de 66 participantes, un número reducido porque o campionato está restrinxido aos 12 mellores de cada categoría en Galicia.
O concelleiro de Deporte augurou un “bo espectáculo” para as persoas afeccionadas á natación. O alcalde, pola súa banda, destacou que a política deportiva do Concello de Carballo, que aposta pola xestión directa, permite que as entidades teñan a súa disposición unha serie de instalacións que “permiten facer deporte e facer club”.
No documento adxunto podedes descargar o programa da competición.