O pavillón do IES Parga Pondal únese á rede de instalacións deportivas xestionadas polo Concello fóra do horario lectivo
O alcalde e o director do instituto asinaron un convenio de colaboración
Venres 5 de xaneiro do 2018
O alcalde, o director do instituto e o concelleiro de Deporte, na sinatura do convenio
O Concello de Carballo continúa a traballar en diversas frontes para mellorar as instalacións deportivas e optimizar o seu uso, dando resposta deste xeito a unha demanda crecente que vén derivada da intensa actividade deportiva que desenvolve o movemento asociativo no noso concello.
Nesa liña de traballo enmárcanse os convenios de colaboración asinados cos centros educativos para poder xestionar e utilizar as instalacións deportivas escolares fóra do horario lectivo. O último en sumarse á rede foi o IES Isidro Parga Pondal, cuxo director vén de firmar un convenio de colaboración co alcalde, Evencio Ferrero, nun acto ao que tamén asistiu o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.
O IES Parga Pondal incorpórase deste xeito a un grupo de instalacións deportivas da que tamén forman parte o instituto Monte Neme e os colexios Nétoma-Razo e Fogar. Ao longo do curso actual o Concello de Carballo ten previsto seguir alongando a rede para que tamén se sumen a ela os CEIP Gándara-Sofán e Xesús San Luís Romero, no que, precisamente, están a piques de rematar as obras de peche do pavillón.