Deporte

Deporte

Evencio Ferrero recibiu ao piloto Fran Gómez Pallas antes de que poña rumbo a Perú para participar no seu sétimo Dakar

O alcalde e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, desexaron sorte ao piloto, que nesta ocasión estará acompañado polo tamén carballés Alberto Puga

Venres 29 de decembro do 2017

O 1 de xaneiro Fran Gómez Pallas porá rumbo a Lima (Perú) para participar no seu sétimo Dakar. Pero antes de marchar pasou pola Casa do Concello para agradecer a colaboración do Concello de Carballo e compartir uns minutos de conversa co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. Na recepción, celebrada a última hora da mañá na Alcaldía, Fran Gómez comentou co alcalde e o concelleiro os detalles e os retos da durísima carreira, con 10.000 quilómetros de percorrido por terras de Perú, Bolivia e Arxentina.

Pero o equipo do carballés, o Indupanel Dakar Team, non só aposta polo deporte, senón tamén pola solidariedade. Fran Gómez viaxa a Perú cun proxecto enfocado a dotar de material informático a escolares de dúas zonas desfavorecidas situadas ao longo do percorrido do Dakar. Grazas ao apoio da empresa galega Revertia o pasado 23 de novembro enviáronse xa unha decena de ordenadores para as escolas de Puno (Perú) e Salta (Arxentina). 

Nesta ocasión, Fran Gómez non será o único carballés no Dakar, xa que hoxe e confirmou a incorporación de Alberto Puga, outro piloto local disposto a compartir a aventura. O equipo conta co respaldo de empresas da comarca, principalmente, e tamén do Concello de Carballo. A consecución de sponsors foi, como apunta o piloto, unha das tarefas máis complicadas. O Indupanel Dakar Team traslada a Perú unha autocaravana con capacidade para seis persoas, un condutor, un mecánico de asistencia e dúas motos Honda preparadas para a dureza do rally, así como todos os repostos e material precisos para afrontar unha intensa carreira que arrancará o 6 de xaneiro en Lima e rematará o día 20 en Córdoba (Arxentina).

O alcalde desexoulle moita sorte, “porque sabemos que estas probas teñen o seu risco e un compoñente de fortuna tamén grande”, e agradeceulle que leve o nome de Carballo a unha das probas deportivas máis espectaculares e mediáticas do mundo.

Compartir: