O circuíto municipal de Carballo acolle unha carreira clave na recta final do Campionato Galego de Autocross
O Concello colabora coa escudería Máis Motor na organización da proba, que volverá a ter carácter solidario
Venres 15 de setembro do 2017
60 pilotos cítanse neste sábado 16 no circuíto de Bértoa para correr o 8° Autocross Carballo, penúltima proba do campionato galego, organizada, un ano máis, pola escudería local Máis Motor en colaboración co Concello e Carballo Deporte, ademais da Federación Galega de Automobilismo, Deporte Galego e a Xunta. Entre os competidores estarán os líderes provisionais das catro categorías en competición: Javier Ramilo, en carcross; Celestino Iglesias, nas clases I e II; e Perfecto Calviño, en clase IV. Así se repartirá a parrilla: 8 condutores na clase I (ata 1.600 c.c.), 20 na clase II (máis de 1.600 c.c., 26 en carcross e 6 na clase IV (4x4). Como noutras ocasións, a carreira terá carácter solidario: Máis Motor colabora para con Cruz Vermella, que estará no circuíto recollendo doazóns de alimentos non perecedoiros para as familias con menos recursos da zona.
Ás 12.00 horas comezaran os adestramentos, mentres que a primeira das semifinais está programada para as 15.30; ás finais B, desde as 17.15; e as finais, desde as 18.20.
Roberto Pombo, Marcos Trigo e Juan Puga, na presentación
A carreira presentouse hoxe na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que falaron o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o presidente de Máis Motor, Juan Puga. “O circuíto está en óptimas condicións para a proba”, asegurou Puga. “Agardamos unha gran afluencia de público, porque o campionato vai moi igualado en todas as categorías e mesmo algunha, como é o caso dos 4x4, podería decidirse mañá en Bértoa, tendo en conta que nas dúas carreiras últimas, as de Rianxo e Ourense, non se soe competir na clase IV”.
“É unha ledicia comprobar que están totalmente consolidadas as probas de autocross que se celebran no circuíto de Bértoa cada tempada, tanto as dúas do campionato galego coma a do nacional”, salientou Trigo. O concelleiro felicitou a Máis Motor polo “bo traballo que leva facendo ao longo destes anos, tanto na organización de carreiras como polo fomento deste deporte”. Tamén destacou o carácter solidario da proba: “Sempre é importante poder colaborar con entidades sociais que tamén fan un labor moi importante no concello”.