O X Torneo-Foliada Concello de Carballo de volei praia bate todos os rexistros con 102 parellas inscritas
A organización decidiu adiantar unha serie de partidos para o sábado para non colapsar a xornada do domingo
Venres 18 de agosto do 2017
O volei praia ten cada vez máis tirón en Carballo, e boa parte da culpa téñena as Escolas de Volei Praia de Razo, que todos os veráns converten unha parte da explanada nunha gran cancha de xogo para afeccionados/as de todas as idades. Unha das probas dese tirón é a elevada participación no Torneo-Foliada Concello de Carballo. Este ano bátense todos os rexistros cun total de 102 parellas inscritas, e onte mesmo os organizadores tiveron que rexeitar 42 solicitudes máis. “Moi a pesar noso, a praia non da para máis”, manifestou Rosalino Mariño na presentación do evento, que tivo lugar este mediodía na Casa do Concello.
Ao éxito do volei referiuse tamén o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo: “É unha das actividades máis participativas da praia”, sinalou. Pero ademais dunha cuestión de cantidade, tamén o é de calidade, de xeito que, segundo anunciou Rosalino Mariño, esta fin de semana teremos en Razo “xogadores que participaron este ano no Campionato de España”.
No Torneo-Foliada haberá 8 pistas, 10 categorías e 204 xogadores/as en acción, “e o 40 ou 50% deles son de Carballo”, destacou Rosalino Mariño
Debido ao elevado número de inscricións, que se pecharon un día antes do previsto porque xa non podían atenderse máis, a organización decidiu adiantar para o sábado unha serie de partidos e non colapsar o domingo. Haberá 8 pistas, 10 categorías e 204 xogadores/as en acción, “e o 40 ou 50% deles son de Carballo”, destacou Rosalino Mariño. Ademais, agradeceu o apoio do Concello, da Deputación da Coruña, da Fundación Luis Calvo e do pequeno comercio local.
Evencio Ferrero, pola súa banda, convidou tanto a participantes como a público a aproveitar a fin de semana para “gozar tamén de toda a contorna da praia de Razo”.
Categorias
Supermini: 10 anos de idade ou menos
Sub-15: 11, 12, 13 e 14 anos
Sub-17: 15 e 16 anos
Sénior: 17 en adiante
Súper 80: a suma das idades dos integrantes da parella ten que ser igual ou superior a 80, cunha idade mínima de 35 anos