Dez equipos benxamíns e alevíns participan este sábado na Copa Bergantiños, que pecha a tempada de baloncesto
Os partidos disputaranse no pavillón Carballo Calero
Xoves 8 de xuño do 2017
A última competición da tempada, a Copa Bergantiños das categorías benxamín (preminibasket) e alevín (minibasket), cumpre a súa segunda edición este sábado no Pavillón Carballo Calero para reunir a dez equipos do CB Artai, Escola de Basket Xiria, EMB A Laracha, EMB Ponteceso e CEIP Labarta Pose (de Baio-Zas). O torneo está organizado pola Delegación Coruñesa de Baloncesto e a Federación Galega de Baloncesto.
A presentación do evento tivo lugar na casa do Concello, nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e representantes dos clubs participantes.
Arturo Ferraces, director deportivo da Escola de Basket Xiria, explicou polo miúdo o torneo e apostou la súa continuidade “para así poder organizalo, en vindeiras edicións, noutras localidades bergantiñás”. “O que pretendemos”, dixo, “é, primeiro, facer unha competición axeitada ao nivel de rapaces que empezan a practicar o baloncesto, sen que teñan que desprazarse lonxe da casa, e tamén promover e levar o basket a toda a comarca”. “Fai dous anos”, engadiu, “creáronse equipos en Ponteceso e este ano, no Labarta Pose de Baio, e agora mesmo somos xa cinco as entidades bergantiñás que estamos implicadas nun proxecto que nos permite ofertar este deporte a un nivel axeitado a cada rapaz”.
“O importante -dixo o representante do Artai, Diego Rivas- é que o torneo siga celebrándose e que teñamos cada ano cantos máis equipos mellor, como foi neste curso a aparición do equipo de Baio, de categoría alevín”.
“É importante, para que estes nenos non perdan ese fío e queiran seguir competindo, terminar unha temporada cunha medalla, cunha copa: para eles é un premio extra”, dixo Roi Vega, da EMB A Laracha.
“Neste ámbito, aquí na comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, eu creo que se están facendo as cousas moi ben”, asegurou o alcalde, Evencio Ferrero. “Polo tanto, desde o Concello só nos queda felicitarvos e prestarvos o noso apoio, porque as nosas instalacións están para ser usadas e máis para eventos tan importantes como este”.
Horarios
PREMINIBASKET
- 9:30.- SEMIFINAL 1: ARTAI A vs XIRIA CARBALLO
- 9:30 .- SEMIFINAL 2: EMB. PONTECESO vs EMB. A LARACHA B
MINIBASKET
- 10:30.- SEMIFINAL MINIBASKET: ARTAI B vs EMB. A LARACHA
- 10:30 .- SEMIFINAL 2: EMB. PONTECESO vs CEIP LABARTA POSE
FINAIS
- 11:30.- 3º e 4º POSTO (PREMINIBASKET e MINIBASKET)
- 12:30.- FINAL (PREMINIBASKET e MINIBASKET)
- 13:30.- ENTREGA DE MEDALLAS aos participantes