Deporte

Deporte

Evencio Ferrero ofreceu unha recepción oficial ás catro seleccións que disputan a fase de clasificación para o Europeo de balonmán feminino júnior

O alcalde animou á veciñanza a desfrutar da competición oficial máis importante de historia do noso concello

Venres 17 de marzo do 2017

A Selección de Romanía foi a primeira en tomar posicións hoxe pola mañá no salón de plenos do Concello de Carballo, sede da recepción oficial ofrecida polo alcalde, Evencio Ferrero, aos catro equipos que disputan na nosa vila a fase de clasificación para o Campionato de Europa de balonmán feminino júnior. Islandia, Lituania e España chegaron a continuación, e pouco antes do mediodía reuníamos no mesmo espazo ás mellores xogadoras de balonmán dos catro países.

Esta fin de semana está a celebrarse no pavillón Vila de Noia a competición oficial máis importante da historia do noso concello, como destacou o alcalde durante a súa intervención. Evencio Ferrero deu a benvida ás xogadoras e aos equipos técnicos das catro seleccións e desexoulles unha estancia  agradable en Carballo, antes de agasallar a cada unha delas co noso carballo de Sargadelos e de arrancarlles un sorriso cando o intérprete traduciu que o alcalde é o responsable “de todo o que pase fóra da pista, mesmo do tempo”. A broma de Evencio Ferrero axudou a romper as barreiras idiomáticas e a que as xogadoras islandesas esquecesen o cansazo tras unha longuísima viaxe dende Reikiavik (con 9 horas de agarda no aeroporto de Heathrow).

Despois das breves intervencións do alcalde e do concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, unha representante de cada selección asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo, hoxe máis internacional ca nunca con dedicatorias en catro idiomas. Tamén asinaron o seleccionador español, Jorge Dueñas, e a ex internacional Verónica Cuadrado. A selección ao completo rematou a súa visita cunha foto de familia nas escaleiras de acceso á Casa do Concello.



Galería

Compartir: