Carballo fai historia no balonmán ao converterse na sede da fase de clasificación para o Campionato de Europa feminino júnior
As seleccións de España, Lituania, Islandia e Romanía competirán esta fin de semana na nosa vila
Martes 14 de marzo do 2017
Carballo acolle desde este venres ata o domingo un evento deportivo do máximo nivel, a fase de clasificación para o Campionato de Europa de balonmán feminino júnior, con sede en Eslovenia do 27 de xullo ao 6 de agosto próximos. As seleccións de España, Lituania, Islandia e Romanía cítanse no pavillón Vila de Noia para loitar polos dous billetes para o europeo. O torneo presentouse esta mañá na casa do Concello nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; José Antonio Rodríguez, vicepresidente segundo das Escolas de Balonmán Xiria (un dos organizadores, xunto coa Xunta, a Deputación coruñesa, Carballo Deporte e Carballo a un paso); o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro; o seleccionador español Jorge Dueñas, e Roberto García, da Secretaría Xeral para o Deporte.
Trigo salientou a importancia do preeuropeo, “histórica para Carballo”, e agradeceu o esforzo da Federación Galega e do Balonmán Xiria. Ouro puxo en valor o crecemento do balonmán coruñés, por riba do da provincia de Pontevedra, tradicional potencia galega neste deporte, e dixo ter nas Escolas de Balonmán Xiria ao seu mellor “aliado” e o seu “socio de referencia” na nosa provincia.
Rodríguez repartiu agradecementos entre os presentes e reiterou a disposición de que o seu club aporte “material humano” e traballo para contribuír ao éxito organizativo da fase. Tivo tamén palabras de admiración para o seleccionador e recordou algúns dos seus logros deportivos máis importantes: dúas medallas de prata en europeos e bronce no mundial de Brasil 2011 e nos Xogos Olímpicos de Londres, todas coa selección española feminina absoluta. “A presencia de Jorge Dueñas en Carballo -afirmou- debería ser acicate dabondo para que o mundo do deporte veña ao pavillón Vila de Noia”.
Roberto García trasladou o agradecemento da Xunta a todos os organizadores e colaboradores, especialmente ao Concello de Carballo e ás Escolas de Balonmán Xiria, “protagonistas e responsables directos de que a selección estea aquí”.
O adestrador do equipo español, coñecedor da gran afección ao balonmán en Carballo e da importancia e logros do Xiria no balonmán galego, desexoulle sorte ao club carballés na súa loita por ascender á División de Prata. Tamén lembrou que a selección absoluta estivo a piques de xogar na nosa vila o ano pasado, nun partido que finalmente se disputou en Santiago. “Tiñamos un pouco a débeda, desde a Federación Española, de traer un evento así a Carballo”, dixo. Sobre as aspiracións das Guerreiras Júnior, declarouse esperanzado de que acaden unha das dúas primeiras prazas nunha competición a priori moi igualada. “O obxectivo -manifestou- é lograr a clasificación para o europeo; mellor, de primeiros, para evitar en Eslovenia aos equipos máis complicados”.
Ferrero mostrouse confiado no éxito do torneo. “Estamos no sitio axeitado para que un evento coma este saia ben”. Recalcou a importancia “histórica” de que Carballo acolla unha competición deportiva de carácter internacional, “algo do que nos sentimos moi, moi orgullosos”. Tamén chanceou coa posibilidade de ver dez dos once partidos de balonmán que se xogan desde o venres ao domingo nos nosos pavillóns, os do preeuropeo e os de Xiria, club do que o rexedor é recoñecido seareiro e socio fundador.