Deporte

Deporte

O Club Ciclista Carballo presenta aos seus deportistas no inicio doutra tempada na que agarda seguir colleitando éxitos

Corredores/as de todas as categorías continuarán levando “con orgullo” a marca Carballo a un paso por Galicia, Asturias e Portugal

Venres 10 de marzo do 2017

O domingo 12 comezará unha nova tempada para o Club Ciclista Carballo, unha entidade veterana integrada por deportistas moi novos e novas. Hoxe reuníronse case todos para a presentación oficial dos equipos que competirán neste 2017, un ano no que agardan repetir os bos resultados do anterior. “Temos a ambición de poder chegar a ter os éxitos da tempada pasada, e poder facer podio na maioría das carreiras, poder disputar todas as probas autonómicas e algunha nas comunidades de Asturias e Castela-León e no país veciño de Portugal”, anunciou a presidenta da entidade, Vanesa Loureiro. 

A presentación do equipo tivo lugar na Biblioteca Rego da Balsa

A presentación do equipo tivo lugar na Biblioteca Rego da Balsa

O Club Ciclista Carballo reuniu aos seus deportistas, familiares, amigos e colaboradores na Biblioteca Rego da Balsa, ata a que se achegaron tamén o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o de Promoción Económica, Xosé Regueira. Os corredores seguirán levando nas súas camisetas a marca Carballo a un paso, “que estamos orgullosos de levar por toda Galicia, Asturias e Portugal”, asegurou a presidenta. Agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e de todas as empresas colaboradoras, “tan necesarias –dixo- para poder levar adiante as escolas de ciclismo”. A entidade pretende organizar este ano dúas probas en Carballo, e unha delas podería ser o Campionato galego para as categorías de cadetes, féminas e júnior.  

Marcos Trigo destacou a importancia de que un deporte “tan sacrificado e tan complicado coma o ciclismo vaia a máis ano a ano”, e iso só é posible porque existe a implicación de deportistas, familias, xunta directiva e colaboradores, que seguirán contando, asegurou, co apoio do Concello de Carballo. Do mesmo xeito, Xosé Regueira agradeceu a promoción que o Club Ciclista fai de Carballo, porque iso redunda no beneficio de toda a sociedade. Subliñou, así mesmo, que mentres outros deportes están “sobre apoiados”, o ciclismo ten moi difícil conseguir o apoio das Administracións públicas, algo que instou a cambiar “entre todos”.

O alcalde de Carballo, que definiu ao Club Ciclista coma unha entidade “de longo percorrido, de tempo e de quilómetros”, animou aos mozos e mozas a seguir superando barreiras no deporte e na vida. “Sentímonos moi honrados de ver que cada vez hai máis deporte, deporte máis diverso, e hai que apoiar ao deporte que máis necesita esas axudas”, manifestou. Evencio Ferrero recoñeceu o labor de familias, xunta directiva e deportistas, e pediu a estes últimos que volvan a darnos alegrías nesta tempada con novos podios.

Os deportistas

Os deportistas, xunto a familiares e colaboradores, no auditorio da biblioteca

Os deportistas, xunto a familiares e colaboradores, no auditorio da biblioteca

Os equipos do Club Ciclista Carballo están integrados polos seguintes deportistas:

  • Principiantes: Álvaro Cristovo Traba
  • Alevíns: Mateo Romero Fantans
  • Infantís: Rubén Abelenda Pose, Manuel Porteiro Pose e Adrián Bermúdez Lamas
  • Cadetes: Rubén Durán Fraiz, Roi Figueiras Pose, Gabriel Fraga Mato, Pablo Fraga Porteiro, Alejandro Romero Fantans, Esteban Souto Recarey, María Pombo Riveiro e Uxía Tasende García
  • Júniors: Diego Abelenda Vallebona, Fabián Fraga Graíño, Joaquín Rodríguez Rey e Martín Soutullo Trigo
  • Sub23: Cristian Blanco Amado e Manuel Cendán Regueira
  • Élite: Balbina Tarrío Mangas
  • Directores deportivos: Juan Manuel Seoane Collazo e Vanessa María Loureiro Bello.

Compartir: