Carballo, sede da segunda fase do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol sub 15
Representantes da Federación Galega, do Bergantiños FC e do Concello presentaron hoxe a competición, que se disputará o luns 27
Mércores 22 de febreiro do 2017
Á presentación asistiron Benjamín Amido, Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Juan Luis Villamisar e Luis Cendán
O 27 de febreiro as instalacións deportivas de As Eiroas acollerán a segunda fase do Campionato Galego de Fútbol de Seleccións Comarcais sub 15. O torneo presentouse hoxe pola tarde na Casa do Concello de Carballo, nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; Luis Cendán, secretario do Bergantiños CF; José Ramón Torres, director da Escola Luis Calvo Sanz; Juan Luis Villamisar, vicepresidente da Federación autonómica pola delegación coruñesa, e Benjamín Amido, vicesecretario do máximo organismo do fútbol galego.
Competirán case 280 rapaces e rapazas das seleccións masculina e feminina das sete delegacións autonómicas: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, “que se corresponderían, case, coas sete provincias históricas de Galicia”, apuntou o rexedor carballés. Serán 13 partidos (7 de categoría masculina e 6 de categoría feminina), dous cada selección, que comezarán ás 10.00 horas co dobre enfrontamento entre A Coruña-Santiago, nunha xornada que pecharán, ás 18.30, o Ferrol-Lugo de rapazas e, ás 19.45, o Ferrol-Vigo de rapaces. O espectador, lembraron tanto Cendán como Amido e Vilamisar, ten o bo fútbol asegurado nun torneo no que moitos xogadores están xa, a esas idades, no punto de mira de representantes e cazatalentos.
Cendán agradeceu a colaboración e a confianza depositada no Bergantiños polo Concello e pola Federación, e salientou que a importancia do campionato transcende o deportivo para ter repercusión no sector da hostalería local.
Villamisar falou da aposta da Federación polo fútbol da Costa e por levar este tipo de eventos a localidades esquecidas ata hai pouco, “pero que contan, como Carballo, con infraestruturas deportivas e capacidade de organización garantidas”.
Ferrero asegurou que Carballo está “encantado de acoller torneos coma este: porque Carballo é deporte e porque o Concello ten que servir sempre de reforzo do traballo das nosas asociacións, que situaron a proxección deportiva dos nosos clubs á altura dos mellores de Galicia”. “O Concello”, engadiu, “debe colaborar e non competir con eles para que acaden os éxitos que merecen”.