O Concello e as escuderías Máis Motor e Coruña seguirán a colaborar para potenciar o circuíto de Bértoa como referente do autocross
Evencio Ferrero recibiu aos representantes da Escudería Coruña tras ser recoñecida coma “Organizador do ano 2016” pola Federación Española de Automobilismo
Luns 13 de febreiro do 2017
A recepción tivo lugar na sala de xuntas do Concello de Carballo
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Deporte, Marcos Trigo, e Obras e Servizos, Luis Lamas, recibiron hoxe na Casa do Concello a Ernesto Rumbo e Alberto González, da Escudería Coruña, recoñecida pola Real Federación Española de Automobilismo como “Organizador do ano 2016”. A entidade coruñesa é a máxima responsable da área deportiva do Autocross de Carballo, unha das citas xa habituais no calendario nacional, en cuxa organización colabora coa escudería carballesa Máis Motor, que estivo representada no acto de hoxe polo seu presidente, Juan Puga, e outros membros da xunta directiva, e con Carballo Deporte, que tamén tivo representación non só a través do concelleiro, senón tamén do xerente do departamento, Francisco García Bello.
Rumbo e González presentaron o galardón que lles foi concedido hai quince días no Consello Superior de Deportes e entregaron a Ferrero unha placa como agradecemento ao repetido apoio que o noso Concello presta ao deporte do motor e á escudería coruñesa.
Ernesto Rumbo e Evencio Ferrero, cos trofeos
Rumbo explicou os méritos que a Federación española valorou o ano pasado para outorgarlles a distinción: a organización do Rally Terras do Mandeo, do nacional de rallys de terra, pola que Escudería Coruña obtivo a mellor puntuación de todas as probas do calendario; da carreira do nacional de autocross de Carballo; do I Eco Rally de A Coruña, da Copa de España de Energías Alternativas; e do Rally Rías Altas, do campionato de España de rallys para vehículos históricos.
As competicións volverán a Carballo o 1 e 2 de xullo, campionato estatal, e o 8 de setembro, galego
Ferrero asegurou que o agradecemento é de Carballo, e lembrou que, cando houbo que reflexionar sobre que facer co circuíto municipal, a Escudería Coruña atendeu a chamada do Concello e viu a viabilidade dun proxecto que acabou, á vista está, con éxitos. O alcalde manifestou tamén a vontade de afondar nesa liña, procurar melloras e reforzar a presencia de Bértoa nos campionatos autonómico e estatal. Polo de pronto, este ano ambas competicións volverán a Carballo: o nacional, o 1 e 2 de xullo; o galego, o 8 de setembro.