O Concello volve a materializar no Carral o seu compromiso coa mellora dos campos de fútbol iniciado nas Eiroas
A SD Sofán cede o recinto á Administración local, que xa incluíu nos orzamentos deste ano unha partida de 590.000 euros para a instalación de céspede artificial
Luns 16 de xaneiro do 2017
O compromiso do Concello de Carballo coa mellora das infraestruturas deportivas dará un importante paso adiante coa instalación de céspede artificial no campo de fútbol do Carral, unha actuación que está incluída nos orzamentos deste ano cun orzamento de 590.000 euros. Precisamente este luns 16 de xaneiro a Xunta de Goberno Local aceptou a cesión da parcela por parte da Sociedade Deportiva Sofán ao Concello de Carballo, que se compromete a asumir os gastos ordinarios da instalación, así como a realizar as posibles obras de ampliación e a instalación de céspede artificial.
O goberno municipal expresa unha vez máis o seu apoio á actividade deportiva e ás entidades que están a desenvolver a súa actividade no noso concello. O verán pasado procedeuse á renovación do céspede artificial do campo de fútbol das Eiroas, un complexo de uso masivo, xa que o Bergantiños FC conta con 11 equipos e 202 licenzas federadas, e as Escolas Luis Calvo teñen xa 17 equipos e 216 licenzas. Agora é a quenda da SD Sofán, con 8 equipos e 137 licenzas federadas, e cunha instalación incapaz de dar cabida ao importante crecemento da actividade rexistrado nos últimos anos.
Coa cesión do campo do Carral o Concello de Carballo incrementará a oferta de instalacións municipais, posto que tanto As Eiroas coma o Carral estarán dispoñibles para atender a elevada demanda de instalacións que se rexistra no noso concello.