90 persoas maiores de 50 anos participan na segunda edición do programa da Universidade Sénior da UDC
Este martes 15 de outubro inauguramos no Fórum Carballo a 2ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento
Luns 14 de outubro do 2024
A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da UDC, achega unha vez máis a formación universitaria a este grupo de idade, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello de Carballo. O programa arrincou este martes 15 de outubro no Fórum Carballo, co auditorio completo, xa que están ocupadas as 90 prazas dispoñibles. As actividades, teóricas e prácticas, todas a cargo de profesorado da UDC desenvolverase entre os meses de outubro e novembro.
A inauguración oficial tivo lugar o día 15 coa presenza de Evencio Ferrero Rodríguez, alcalde de Carballo; Susana Iglesias Antelo, adxunta á Dirección da Universidade Sénior, e Mar Eirís Villar, concelleira de Educación e Terceira Idade do Concello de Carballo. Os tres destacaron a altísima participación e a gran motivación do alumnado, maioritariamente feminino. A clase inaugural correu a cargo da carballesa María Andrade Suárez.
O programa formativo consta de tres módulos, con sesións teóricas, de 17.00 a 19.00 horas, e sesións prácticas. Todas elas impartidas, en dous días a semana, por profesorado da Universidade da Coruña, nas que se abordarán diferentes temáticas:
MÓDULO I. ARTE E PATRIMONIO
- 15 de outubro. Unha mirada sociolóxica ao consumo e as prácticas culturais, con María Andrade Suárez.
- 16 de outubro. Do Renacemento ao Barroco a través da arquitectura dos mosteiros galegos, con Estefanía López Salas.
- 22 de outubro. A moda a través da historia, con Elvira Lezcano González.
- 23 de outubro. Saída cultural con Estefanía López Salas.
- 29 de outubro. I+D e Innovación en Galicia, con Alfonso Bravo Juega.
- 30 de outubro. Situarse no ceo: o ceo como guía, con Alsira Salgado Don.
- 5 de novembro. Ciencia con datos, con Salvador Naya Fernández.
- 6 de novembro. Saída de campo con Alsira Salgado Don.
- 12 de novembro. Factores de risco da demencia, con José Luis Rodríguez-Villamil Fernández
- 13 de novembro. Que é o edadismo? Reflexionando para acadar unha sociedade inclusiva, con Raquel Veiga Seijo.
- 19 de novembro. Augas termais e saúde, con Rosa Meijide Faílde. Entrega de diplomas.
- 25 de novembro. Saída de campo con Rosa Meijide Faílde.
Con esta nova edición, a Universidade Sénior reitera o seu compromiso de atender ás inquedanzas e necesidades formativas das persoas maiores de Carballo, como vén facendo tamén noutras localidades e comarcas desde a primeira edición deste programa no ano 2018.