Concello e Asociación Antidroga Vieiro renovan o convenio de colaboración para a prevención das drogodependencias
Martes 8 de outubro do 2024
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a presidenta da Asociación Antidroga Vieiro, Fina Rey, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración para a prevención das drogodependencias. No acto tamén estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures; a secretaria de Vieiro, Pilar Mata, e a responsable do servizo de atención xurídico-social, Susana Couto.
O Concello contribuirá con 12.000 euros ao desenvolvemento dos programas promovidos pola entidade desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de decembro deste ano. O obxecto do convenio, en concreto, é o desenvolvemento por parte da Asociación Antidroga Vieiro dos programas de saúde e prevención en drogodependencias e outras condutas adictivas nos ámbitos comunitario, escolar, familiar, xuvenil e laboral, ademais do programa de formación e información.
Con respecto a este último, segundo o balance anual, no 2023 foron atendidas 300 solicitudes, sobre todo relativas aos programas de prevención, seguidas polas demandas relacionadas coa orientación a familias ante condutas de risco e información sobre centros de deshabituación do consumo de cocaína e alcohol, principalmente. Un total de 22 persoas foron derivadas a centros especializados como Proxecto Home, a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) do Concello de Carballo, Agalure e Grupo Noroeste.
Vieiro tamén ten en marcha un programa de atención xurídico-social para persoas con calquera tipo de adicción que teñan problemas legais pendentes, que prestou asistencia o ano pasado a 49 persoas.
En colaboración cos centros educativos tamén desenvolve proxectos específicos para distintos niveis, tanto de primaria coma de secundaria, ademais das xa históricas escolas de nais e pais, e coopera así mesmo con outras entidades sociais.